Cóntamo con música

Obradoiro experimental no que imos traballar a intelixencia emocional a través da música.

A música forma parte de nós, dos nosos primeiros xogos e dos contos da infancia. Expande os sentidos. Un bálsamo que penetra polo oído e pola pel producíndonos todo tipo de emocións: alegría, tristeza, inquedanza, excitación, calma... Trala experiencia vivida cos nenos e nenas neste obradoiro o ano pasado, decidimos vivir a experiencia agora dirixida a adultos.

Neste obradoiro imos experimentar coas nosas emocións a través da música. Para desenvolver a intelixencia emocional é preciso identificar as emocións, as nosas e as dos outros cos que nos relacionamos. Que experimento eu? Que experimentan os outros do grupo? Que está pasando que me fai sentir así? Nesta consciencia aprendemos a expresar e a canalizar as nosas emocións, a fortalecer as relacións de grupo e familiares, aprendemos a elixir as mellores respostas e actitudes fronte aos conflitos que se nos presenten, con sinxelas ferramentas ao noso alcance, como son a escoita, a atención, a empatía, a comprensión, a tolerancia...

Imos crear unha historia e imos sonorizala, rescataremos a nosa imaxinación e liberdade creativa que tiñamos de nenos. Imos gozar da experiencia, o resultado... que mais ten!