Galicia volverá converterse en punto de encontro da industria televisiva de Europa e América durante a celebración de Conecta FICTION, evento internacional dedicado á coprodución de series e miniseries que desenvolverá a súa segunda edición en Santiago do 18 ao 21 de xuño. A Xunta, ICEX España Exportación e Inversiones e Fundación SGAE promoven esta iniciativa, que este ano incrementou ata 400 o número de profesionais acreditados.
Procedentes de 17 países, desprazaranse ata Compostela representantes de 35 canles internacionais de televisión, así como de produtoras, distribuidoras, plataformas de OTT, creadores ou guionistas, entre outros profesionais na procura de contactos e acordos de coprodución no ámbito da ficción televisiva. Aquí daranse cita marcas tan coñecidas como Amazon Prime Video, Canal Arte, Boomerang TV, BTF Media, Caracol TV, Disney Media, Fox, HBO Latin America, RAI, TV Azteca, TELEFE/Viacom ou ZDF, ademais de RTVE, Atresmedia, Mediaset, Movistar+, Grupo Secuoya e TVG.
Gran parte da actividade diúrna de Conecta FICTION 2 desenvolverase na Cidade da Cultura de Galicia.
Aposta internacional para o audiovisual galego
A aposta da Xunta por este importante encontro internacional ten como obxectivo principal situar o audiovisual galego no contexto internacional e fomentar a obtención de negocio e de novas audiencias máis alá das nosas fronteiras.
As cifras obtidas na primeira edición do evento (uns 110 millóns de euros de negocio potencial, mías de 300 profesionais acreditados, máis de 2.500 reunións en axendas individualizadas, ampla cobertura pola prensa internacional...) permiten auspiciar grandes expectativas para Conecta FICTION 2, que xa superou os resultados do ano pasado en canto ao número de acreditacións, proxectos presentados e variedade da programación.
Esta segunda edición inaugurarase o luns 18, ás 19,30 h., no Auditorio Abanca cunha gala na que actuará Xabier Díaz e se estreará a serie dixital Limbo, da plataforma Playz de RTVE.
Como o ano anterior, o eixo central da programación son as sesións de pitching para poñer en contacto os ámbitos da creación e da produción na procura de impulsar o talento. En 2018, amplíanse a cinco estas plataformas para a presentación de proxectos: Pitch Copro Series, cunha selección de 10 títulos na busca de socios con perfil internacional; Pitch SGAE, como escaparate para sete proxectos procedentes do Laboratorio de Creación de Series de Televisión da Fundación SGAE; Pitch Digiseries, onde se defenderán cinco ficcións en formato dixital para as novas plataformas e dispositivos; Pitch Clip, centrado en seis obras orixinais gravadas e contadas en pantalla polos seus creadores, todos eles asociados de ALMA Sindicato de Guionistas e do Foro de Asociaciones de Guionistas Audiovisuales (FAGA); e Pitch Branded Content, de carácter publicitario e para a que se conta co patrocinio de Estrella Galicia.
Xunto con Oro negro, de Paula Cons, a comedia Y sin embargo amigas, de Ladybug Films, e outro dos títulos galegos seleccionados, neste caso para o Pitch Digiseries.
Aínda que o programa de Conecta FICTION é eminentemente profesional, con paneis, casos de estudo, master class, networking e reunións personalizadas a través do apartado Caixa de Ficción, a organización comparte co público galego o potencial da industria televisiva a través de varias actividades, entre as que este ano destaca a posta en marcha do Conecta Fiction FEST, que se celebrará o 21 e 22 de xuño no Auditorio Abanca e no Teatro Principal. Na súa primeira edición, o festival centrarase na produción de Movistar +, ofrecendo en primicia algunhas das próximas estreas da plataforma. Todas as proxeccións serán de acceso libre, previa inscrición no web www.conectafictionfest.com.
Outra das novidades é a participación de Alemaña e Colombia como países de honor desta edición, que lle prestará unha especial atención ás series producidas nestes países, ademais de promover reunións das súas respectivas delegacións con produtoras do Clúster Audiovisual Galego.
