Concerto de M-Clan

AVISO

Suspéndese o concerto de M Clan previsto para o 20 de setembro na Praza Central do Gaiás.

A produtora Bring The Noise, promotora do evento, vén de anunciar esta decisión á luz das novas medidas sanitarias para a contención da covid-19 que afectan ao concello de Santiago de Compostela, informando ademais de que todas as persoas que teñan mercado a súa entrada recibirán a devolución automaticamente.

-------

A Praza Central da Cidade da Cultura acollerá o vindeiro 20 de setembro un concerto moi especial e íntimo do dúo M-Clan. O vocalista Carlos Tarque e o músico Ricardo Ruipérez á guitarra repasarán temas seleccionados de todo o seu repertorio en formato acústico, nunha ocasión excepcional para escoitar os seus clásicos reinterpretados cun matiz diferente.

Con capacidade moi limitada, distancia de seguridade entre cadeiras e uso obrigatorio de máscaras de protección para público e traballadores, o concerto promovido pola produtora Bring the noise fai especial fincapé en crear un entorno seguro para gozar da música ao aire libre, aproveitando as posibilidades que ofrecen os amplos espazos exteriores do complexo do Gaiás. As medidas complétanse cun estrito protocolo de seguridade e hixiene, con todas as pautas de prevención e desinfección necesarias no contexto actual, dotación de xel hidroalcólico, acceso limitado ao recinto de xeito progresivo e asentos asignados previamente.

As entradas xa están á venda na web www.mclan.bringthenoise.events a un prezo de 25 euros máis gastos de xestión. O sistema de venda permite seleccionar asentos, que serán unipersoais e intransferibles e en todo momento informarase ao público asistente das medidas vixentes e as condicións de acceso.

M-Clan

Convertida en referente para moitos, M-Clan é considerada como unha das mellores bandas de rock que existiron en España nos últimos anos. Os seus compoñentes son Ricardo Ruipérez (guitarra) e Carlos Tarque, voz e alma mater do grupo xunto a Ricardo, cun marcado estilo similar ao de Rod Stewart ou Joe Cocker. Comparóuselles co son de bandas como Black Crowes, Led Zeppelin ou Lynyrd Skynyrd, entre outros, pero M-Clan sempre contou cun estilo propio. Desde os seus inicios quedou clara a paixón da banda polo rock sureño, moi presente nos seus dous primeiros traballos “Un Buen Momento” e “Coliseum”, con todo, o seu estilo foi evolucionando ao longo dos anos, ata fusionar á perfección o blues co soul, o rythm & blues, e o hard rock máis setenteiro.

Grandes namorados da música en directo, M-Clan consegue meterse ao público ao peto nada máis saír ao escenario. Carlos Tarque é capaz de cantar, atender ao público, non parar de saltar e atreverse coas percusións, abordando desde os temas máis rockeiros, aos medios tempos e as grandes baladas, convertendo os directos de M-Clan en imprescindibles para os amantes da boa música e o rock & roll.