Concerto de despedida de 'Castelao maxistral' | Orquestra de Cámara Galega

A Cidade da Cultura de Galicia despide cun concerto especial da Orquestra de Cámara Galega  a exposición Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra que está preto das 40.000 visitas e que permitiu ver por vez primeira en Galicia a obra lendaria 'A derradeira leición do mestre', que nunca saíra do Centro Galicia de Buenos Aires.

Deste xeito, culmínase un extenso e variado programa de actividades co que se dinamizou e arroupou unha mostra que espertou grande interese de público cunha media nas últimas semanas de 400 persoas diarias e tamén da comunidade educativa, superando os 8.000 escolares que se achegaron a ver non só o oleo icónico co que Castelao quixo homenaxear o seu amigo e  intelectual galeguista Alexandre Bóveda, asasinado en 1936 senón todos os debuxos (40) que o artista de Rianxo lle dedicou ao ensino obrigatorio, que na época era ata os 9 anos de idade.

Hai que lembrar que a mostra quixo ser tamén unha homenexa á importante tarefa dos mestres e mestras da segunda República, que anovaron e modernizaron a pedagoxia e o sistema educativo, asentado as bases do ensino universal e libre tal e como coñecemos agora.

REPERTORIO

Haendel: Passacaglia
Andrés Gaos: Canon
Rogelio Groba: Carpe diem. Estrea Mundial
I. Abrente
II. Muller muxica
III. O fastuoso
IV. O trouleiro Astor

Piazolla: Oblivion. Spyros Fakiolas, clarinete
Rogelio Groba: Alba de Gloria II.
Na Catedral

Astor Piazolla: Libertango
Juan Montes: Negra Sombra. Arr. Rogelio Groba

Director concertino: Rogelio Groba
Duración aproximada: 60 min.

ORQUESTRA DE CÁMARA GALEGA

Orquestra de Cámara Galega (OCGa) é unha orquestra de cámara fundada en 1995 na cidade da Coruña. Está dirixida dende a súa creación polo violinista Rogelio Groba Otero, que realiza tamén a función de concertino segundo o modelo de dirección do século XVIII.

Naceu en 1995 grazas á inquietude dun grupo de músicos galegos formados no Conservatorio Superior de Música da Coruña e en diversos conservatorios europeos. A OCGa realizou o seu debut no "XLIV Festival de Ópera da Coruña". Ten desenvolvido unha intensa actividade que a levou a interpretar un amplo repertorio que abrangue as principais épocas e estilos, dende o Barroco temperán ata a música contemporánea, incluíndo a difusión e estrea das obras de compositores galegos e facendo especial fincapé na obra do compositor Rogelio Groba, do cal levaron a cabo numerosas estreas.

Participou habitualmente nos "Premios Anuais de Composición Andrés Gaos", así como no "XLIV Festival de Ópera da Coruña", "Xóvenes Intérpretes da Fundación Barrié" etc.

Con esta finalidade, a OCG ten realizado a súa actividade musical polas principais salas de concertos de Galiza (Pazo da Ópera, Auditorio de Galicia etc) e do Estado español (entre as cómpre salientar o Auditorio Reina Sofía de Madrid, o Palau de la Música de Barcelona, a Sala Mozart do Auditorio de Zaragoza, a Real Maestranza de Sevilla, ou o Teatro Jovellanos de Xixón entre outros).

No ámbito internacional, a OCGa actuou en Viena durante a "Spanien Modern Musikfestival", Nova York, no Merkin Hall da Fundación Kaufman, en Buenos Aires, no Teatro Metropolitan, en varios auditorios de diversas cidades neerlandesas (Utrech, Ámsterdam ou Rotterdam), así como en moitos auditorios da xeografía portuguesa. E ten colaborado con profesionais do talle de Teresa Berganza, Anthony Pay, Cecilia Lavilla, Ara Malikian, Juan de Udaeta, José Ramón Méndez, Juan Lomba, José Núñez, ou José Luis Estellés.