A Biblioteca de Galicia acolle Comisión de Festas, o novo espectáculo de Brais das Hortas, gañador dos Premios Martín Códax da Música 2025, unha proposta que mestura música, clown e teatro nunha celebración colectiva chea de humor e participación.
Brais das Hortas ten un plan claro: armar a festa. Pero non pode facelo só. Para conseguilo precisa algo fundamental, unha Comisión de Festas. Neste espectáculo, o escenario transformarase nun auténtico torreiro de festas grazas á implicación do público, que pasará a formar parte activa desa comisión improvisada.
A música, o baile e a risa, unidos á interacción constante co público, irán convertendo pouco a pouco o espazo escénico nun campo da festa. Ao longo da función aparecerán situacións sorprendentes e cheas de imaxinación: unha galiña que canta con autotune en Tarde piaches, un selfie arriscado xunto a un pastor eléctrico que remata nun Calambrasso no brazo, ou un baile orgulloso e diverso a peito aberto en Peito Lobo.
Comisión de Festas é unha invitación a entender que, cando nos xuntamos, podemos encher o mundo de alegría.




