Clementina. Concerto

A Biblioteca de Galicia estrea en Galicia a adaptación musical da novela Clementina, de Lara Dopazo Ruibal,  gañadora na primeira edición do premio literario do Programa Nortear, destinado a novos escritores e escritoras de Galicia e da Rexión Norte de Portugal.

O Programa Nortear ten como finalidade a colaboración na difusión cultural entre os dous lados da fronteira. Desde a sinatura do Memorando de Entendemento en 2015, realízase anualmente a convocatoria dun premio literario destinado a novos escritores e escritoras de Galicia e da Rexión Norte de Portugal. Os candidatos ou candidatas deben ser persoas residentes en Galicia ou na Eurorexión Norte de Portugal, con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos.

As sucesivas edicións foron gañadas por :

  • 2015.Lara Dopazo Ruibal, coa súa obra, Clementina.
  • 2016. Rui Cerqueira Coelho, con Nós, Arquipélago.
  • 2017. Cecilia Fernández Santomé, con Rue de Saint Jacques.
  • 2018. Sara Isabel Duarte Brandão, coa súa obra (Ver).

Todas as obras premiadas foron editadas, sucesivamente pola Consellería de Cultura e a DRCN (Portugal), en edicións bilingües, en galego e portugués. 

A Dirección Regional de Cultura do Norte decidiu adaptar a obra premiada na primeira edición do Premio, Clementina, a unha peza musical homómina. Este musical, foi composto por Fábio Videira e será interpretado por 48 músicos do Conservatório de Música de Vila Real, baixo a dirección artística de Valter Palma.

A súa estrea en Portugal realizouse nun acto o pasado 18 de decembro de 2018 no Mosteiro de Grijó, en Vila Nova de Gaia (Portugal), xunto á entrega do cuarta edición do Premio Nortear e da nova convocatoria para o ano 2019.

Por este motivo, o día 18 de xaneiro, ás 13:00 h, realizarase a estrea en Galicia, no auditorio Neira Vilas, da Biblioteca de Galicia da peza musical Clementina. Tamén será interpretada polos 48 mozos e mozas do Conservatorio de Música de Vila Real.