O Cirque du Soleil estará de novo en Santiago este ano, entre o 7 e o 11 de decembro, presentando no Multiusos Fontes do Sar o seu novo espectáculo "Alegría", patrocinado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Santiago será deste xeito unha das cinco cidades de España onde actuará a compañía con base en Montreal, xunto a Málaga, Zaragoza, Granada e Bilbao. O seu regreso inscríbese dentro da intención da Consellería de Cultura e Turismo de dar continuidade a algúns dos eventos máis recoñecidos do Xacobeo, como os festivais Sónar ou Vigo Transforma.
O espectáculo "Alegría" é un dos "clásicos" do repertorio desta compañía. En total será un elenco de 55 artistas e músicos, procedentes de 17 países diferentes, os que saltarán en Santiago. Trapecistas columpiándose a máis de doce metros de altura, coreografías con sistemas de trampolíns ocultos que xogan coa fantasía do espectador, barras rusas e barras de equilibrio onde os artistas brincan polo aire dando xiros imposibles; estes serán algúns dos números que se poderán ver en "Alegría", un espectáculo aplaudido xa por máis de dez millóns de persoas en todo o mundo.
O ano pasado foron mais de 30.000 persoas as que gozaron das funcións do Cirque du Soleil en Santiago, nesa ocasión co seu espectáculo "Saltimbanco", unha mestura de música, luz e acrobacias que a compañía levou con éxito por 75 cidades de todo o mundo.
A actuación do Cirque du Soleil enmarcouse dentro da programación cultural do Xacobeo. O seu éxito fixo que fose un dos eventos nos que a Xunta da Galicia traballou para darlle continuidade durante este ano.


