Para conmemorar o Día internacional da muller e da nena na ciencia, a Cidade da Cultura acolle a obra de teatro musical CHRISTIANE. Un bio-musical científico, que se mergulla na vida de Christiane Dosne Pasqualini, científica e personalidade fundamental na investigación da leucemia. A actividade está organizada polos institutos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, IGFAE, CIMUS e CIQUS, en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, co obxectivo de visibilizar referentes femininos que, co seu exemplo, poidan servir de inspiración para a rapazada e contribuír a promover a ciencia como carreira profesional.
Francesa de nacemento, Christiane Dosne Pasqualini medrou no Canadá e en 1942 chegou con 22 anos a Buenos Aires para traballar xunto ao Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía (1947), Bernardo Houssay, onde se dedicou con paixón a procurar as causas do cancro. Fundadora do departamento de Leucemia experimental do Instituto de Investigacións Hematolóxicas (Academia Nacional de Medicina de Buenos Aires), ao longo da súa extensa carrera publicou mais de trescentos traballos arredor da orixe das células cancerosas e o comportamento do sistema inmune durante o crecemento tumoral e foi a primeira muller en ocupar un asento na Academia Nacional de Medicina da Arxentina.
O espectáculo teatral CHRISTIANE. Un bio-musical científico achéganos á súa vida levada ás táboas e ao piano pola súa neta, a soprano e actriz Belén Pasqualini, quen con este proxecto homenaxea a figura da súa avoa, pero tamén a de tantas outras mulleres invisibilizadas en laboratorios e universidades de todo o mundo. O musical conta cun intenso percorrido por países como Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Panamá, México ou os Estados Unidos. Foi recoñecido en 2017 con tres premios Hugo ao Teatro Musical: Mellor Espectáculo Musical Arxentino, Mellores Letras de Musical Arxentino e Mellor Libro de Musical Arxentino, optando ademais ese mesmo ano aos premios María Guerrero.
Día da muller e a nena na ciencia
O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia foi proclamado no 2015 pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas co fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas. Cada 11 de febreiro é así unha lembranza de que as mulleres e as nenas desempeñan un papel fundamental nas comunidades de ciencia e tecnoloxía e de que a súa participación debe fortalecerse. A celebración deste día está promovida pola UNESCO e ONU-Mulleres, en colaboración con institucións e socios da sociedade civil que impulsan o acceso e a participación de mulleres e nenas no eido científico.
