Unha viaxe chea de historias, música e imaxinación abre as portas do universo literario de Begoña Caamaño en Chaves invisibles, o espectáculo con música ao vivo de Vero Rilo e Luís Iglesias que nos convida a mergullarnos na palabra da homenaxeada nas Letras Galegas 2026.
Chaves invisibles é unha festa musical que celebra a lectura como un territorio de liberdade, onde cada historia funciona como unha chave e cada nena ou neno é quen a fai xirar.
Vero Rilo, narradora de contos e historias de vida, combina a tradición oral con música, memoria e unha mirada feminista e comprometida. Luís Iglesias, músico e artista multidisciplinar, achega a creación sonora e a guitarra, cunha ampla traxectoria en proxectos escénicos e culturais. Xuntos dan forma a unha proposta que une narración e música para celebrar o poder das historias compartidas.

