Castelao na Pampa | Conferencia de Miguel Anxo Seixas Seoane

Coincidindo coa última fin de semana de apertura da exposición de arte dixital Castelao. Mirar por Galicia prográmase o sábado día 10 de xaneiro ás 11:30 horas unha conferencia do asesor histórico da mostra e presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, centrada na etapa vital do intelectual de Rianxo vencellada á emigración galega na Arxentina.

Cando Castelao contaba só tres meses de vida, o seu pai emigrou á Arxentina, e a familia non se reuniría de novo ata 1896 xa na Pampa, na localidade de Bernasconi, onde o pai rexentaba un almacén de venda. Nesta charla, analizaremos a relación de Castelao coa diáspora galega e tamén a influencia decisiva da estancia na Pampa no seu pensamento e na súa obra, poñendo de relevo a dimensión internacional do seu compromiso con Galicia e a relevancia deste período para unha comprensión global da súa figura no conxunto da historia cultural galega.

Ademais, a charla incluirá unha actuación musical de Aldara Muíños ao clarinete e Bernal Muíños ao saxo tenor, que interpretarán unha escolma de pezas galegas e arxentinas, na liña da temática da conferencia. Ao remate, está programada tamén unha visita guiada especial con Miguel Anxo Seixas Seoane á exposición, para a que é posible inscribirse, tamén de maneira gratuíta, a través da web.

Miguel Anxo Seixas Seoane

Historiador galego nado en Arzúa en 1960, Miguel Anxo Seixas Seoane é licenciado en Xeografía e Historia, na especialidade de Historia da Arte Moderna e Contemporánea. Actualmente é presidente da Fundación Castelao. Ao longo da súa traxectoria foi comisario de diversas exposicións dedicadas a Castelao, entre elas Castelao maxistral na Cidade da Cultura, así como responsable da catalogación da súa obra artística entre 2008 e 2009. 

Gaiás inspira

A conversa Castelao na Pampa encádrase en Gaiás_Inspira, unha nova liña de programación que abrangue diferentes actividades divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.

 
Letras & Pensamento