Budiño presenta 'Branca Vela' | Día da música 2024

Músico galego de orixe, universal polo seu destino e innovador por convicción, Budiño será o protagonista do concerto polo Día da música que poderedes gozar, de balde, o 21 de xuño na Cidade da Cultura. Acompañado dunha banda de novos talentos e algunhas das mellores voces dentro do 'neo-tradi' e o folk que se está a facer en Galicia, Budiño escolleu a Praza Central do Gaiás para presentar na capital galega o seu último disco, Branca Vela.

Un espectáculo en directo alegre e potente que promete facer bailar combinando ritmos, instrumentos e percusións tradicionais coa vangarda electrónica e videocreación que converten o concerto nunha experiencia exclusiva e irrepetible. O son da gaita, a guitarra, o acordeón, a percusión tradicional e os arranxos electrónicos encherán un escenario no que Budiño estará acompañado pola música e as voces de Tania Caamaño, Mónica de Nut, Fran Barcia e Andrés Boutureira.

Música máis accesible

Ademais, para mellorar a experiencia das persoas xordas ou con perda auditiva, disporemos no concerto dun servizo de mochilas FM que permite sentir no corpo as vibracións da música, así como conectar audiófonos e próteses auditivas para recibir o son limpo de ruído ambiente. Para facer uso das mochilas só tes que achegarte ao posto que haberá na Praza central do Gaiás, onde recibirás asistencia coa axuda dunha intérprete de lingua de signos para aprender a manexalas. Ven sentir o Día da Música ao Gaiás!

As voces de Branca Vela

Branca Vela é un disco luminoso no que Budiño recupera o instrumento co que se deu a coñecer, a gaita, aínda que esta lle ceda o protagonismo á voz, ou mellor dito, ás voces. As do Coro da Ruada —recuperadas dunha gravación de 1929— en «Donón», tema que abre o álbum; as de Leilía en «Branca Vela» ou o propio Budiño e Guadi Galego cantando a dúo a letra composta polo escritor Manuel Rivas en «O Tolo de Abril».

O listado de colaboracións que dan forma ao disco complétase con De Vacas (no tema «Fonte de namorar»), Tania Caamaño (en «Romaría do Caravel»), Diego Cabaleiro en «Serán de Niñóns», a poeta Antía Otero que pon as letras á voz en off de Uxía en «Tren Hotel» e os coros de Libeliñas e Tarandeiras de Xacarandaina na peza infantil «Un dragón de pé».

Budiño confirma neste álbum a súa vontade de crear un son con estilo propio que se inspira nos pequenos sabores da música de raíz sen renunciar á experimentación. E tamén aposta, na súa presentación en directo, por reunir algúns dos mellores talentos actuais do 'neo-tradi' galego, rodeándose dunha banda que comparte a formación tradicional co interese xenuíno pola música electrónica. 

 
Música & Escena
 
Convocatoria aberta
Prazo de solicitudes ata 8 de marzo