A biblioteca galáctica contra a IA fantástica é un espectáculo de teatro infantil, monicreques e música. Unha disparatada comedia de aventuras protagonizada por algúns dos personaxes máis senlleiros da literatura infantil galega.
O rato que coida da Biblioteca Galáctica descobre que unha ameaza axexa nos seus andeis... Nunha loita contra o reloxo, o rato bibliotecario Ataúlfo, Ramón Lamote e Sara deberán loitar contra o malvado profesor Smith e a súa IA fantástica para liberar os seus amigos Toribio, Espantallo Amigo e Lobo Namorado da súa maléfica influencia.
A adaptación teatral da novela de Carlos Labraña é un canto á amizade, á solidariedade e unha defensa dos libros, da lectura e da palabra escrita fronte a unha Intelixencia Artificial que quere acabar coa imaxinación e a fantasía.
Tanxarina títeres e Carlos Labraña
Tanxarina Títeres, premio da Crítica 2024, é unha compañía de teatro de monicreques galega, con máis de corenta anos de traxectoria artística. Contan con seis premios de teatro María Casares e participaron en festivais por Europa e América con grande éxito de público e crítica.
Carlos Labraña é un dos escritores máis premiados da literatura dramática infantil en lingua galega, entre os máis recentes o Manuel María de literatura dramática infantil en 2024, Barriga Verde de textos para teatro de títeres, ou O Facho de teatro infantil en 2025.
Nesta peza, ambos unen as súas forzas para celebrar o 75 aniversario da editorial Galaxia.
Ficha artística
- ELENCO E MANIPULACIÓN: Miguel Borines e Andrés Giraldez
- TEXTO: Carlos Labraña
- DIRECCIÓN: Tanxarina
- ESCENOGRAFÍA E DESEÑO: Pablo Giraldez “Pastor”
- ASESORÍA ESCÉNICA: Eduardo Rodríguez “Tatán”
- VESTIARIO: Cloti Vaello
- MÚSICA: Ailén Kendelman
- ILUMINACIÓN E SON: Paulo Medal
- PRODUCIÓN: Editorial Galaxia e Tanxarina








