Que farías se herdases un caderno dunha amiga íntima de Begoña Caamaño? Nesta peza teatral coñecemos a historia dunha xornalista que decide gravar un podcast en vivo para contalo. Con motivo do Día Internacional da Muller, a Biblioteca de Galicia tráenos a estrea absoluta de Begoña Caamaño: o transgredir das ondas, unha peza que narra a historia de Begoña a ollos da súa íntima amiga África, a quen coñeceu un 8 de marzo de 1997.
A partir da relación entre as anotacións no diario e os diferentes momentos da vida profesional de Begoña, vaise reconstruíndo ante o público a traxectoria dunha creadora excepcional, implicada co feminismo e cos diversos movementos sociais nos que participou. Porén, durante a gravación deste podcast aparecerán diversos problemas técnicos que transformarán as ideas iniciais da xornalista e influirán de forma decisiva no seu relato, como se o propio espírito de Begoña quixese puntualizar algunhas das pasaxes narradas e, ao igual que as protagonistas das súas novelas, ser dona da súa historia.
Nesta obra con dramaturxia de Paula Carballeira, actuación de Rocío González e dirección de Chiqui Pereira conflúen teatro documental, teatro radiofónico e o xogo dramático baixo a forma de comedia de pantasmas, tratando temas como a autosuficiencia, a igualdade de xénero ou a importancia da liberdade de expresión no xornalismo.
Así, a Biblioteca de Galicia afonda, a través do teatro, na figura de Begoña Caamaño, a quen se lle dedican este ano as Letras Galegas. Unha escritora e xornalista, así como feminista e activista, que pasou a ser unha figura esencial da nosa historia.


