Baile de Entroido 2023: unha viaxe no tempo

Este Entroido, na Cidade da Cultura viaxamos no tempo con Ramona Órbita e un baile de máscaras dos que fan época! 

Na tarde do luns de Carnaval, 20 de febreiro, o Museo Centro Gaiás vaise encher de dinosauros e robots, Faraóns e cavernícolas, pintoras renacentistas, cabaleiros medievais e intrépidas piratas dos sete mares. E por suposto de viaxeiras e viaxeiros do tempo de toda caste, que acompañarán a Pakolas e á nosa avoa do Courel favorita nunha das súas aventuras, desde o futuro ata o Cretácico, para bailar e cantar ata quedar sen folgos "charamelas grandes como estrelas, átomos perdidos na súa colisión!!".

Lembrade que deberedes acudir cun disfrace de temática relacionada coas viaxes no tempo, así que espremede os miolos que todos os anacronismos están permitidos! E agardamos recibir desde ao Doutor co desparafusador sónico máis famoso, a varios Marty McFly, algunha que outra Hermione co seu viratempos no peto e un bo feixe de espelidas científicas capaces de construír unha máquina coa que acompañar a Ramona Órbita nas súas lendarias viaxes.

O espectáculo está dirixido a públicos de todas as idades, e especialmente recomendado entre 4 e 9 anos. Comezaremos a festa ás 16.30 horas cunha pinchada musical para ir quentando motores e desenferruxando as articulacións. A partir das 17.30 horas será a quenda de queimar a pista de baile co rock de Pakolas e, xa para despedir a tarde, ás 18.30 horas, celebraremos un desfile de disfraces onde os máis sorprendentes e orixinais levarán un pequeno agasallo. Se queres participar no concurso, podes ver como facelo na columna da dereita.

XA PODES COLLER AQUÍ A TÚA ENTRADA

Cores, cantos e Rock&Roll con Ramona Órbita | Pakolas e Laura Romero

Neste espectáculo Paco Cerdeira (Pakolas) guíanos coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical onde a interacción coas nenas e nenos, a animación, as súas caracterizacións e a súa música son o principal atractivo para o público. Estará ademais acompañado das cores e debuxos en directo de Laura Romero nun espectáculo para todos os sentidos!

Ambos artistas relatarán as aventuras de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel que posúe unha horta cibernética con patacas automáticas e unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxamos ao futuro e ao pasado na procura de tecnoloxía para crear un mundo mellor e máis ecolóxico. Así, a través das cancións, os debuxos e a narración, imos saltando a diferentes épocas acompañando a Ramona, que viaxa á prehistoria para comer churrasco de mamut con Manolo Cavernario, visita a Leonardo Da Vinci no Renacemento, acode ao Antigo Exipto onde a un tal Ramsés lle cheiran os pés, ou conversa cun robot que ten unha roda rota. Todo ata chegar a un futuro no que cantar por unha sociedade máis ecolóxica e concienciada co respecto e coidado da contorna.