«O noso baile ten as raíces afundidas na terra.
Na mesma terra onde as bailadoras labramos as leiras do silencio»
Bailador é unha peza de danza galega contemporánea baseada nas músicas de Berrogüetto, unha obra coreográfica que rende unha profunda homenaxe á nosa danza de raíz e a un grupo que transformou o xeito de entender e interpretar a música tradicional.
Fronte ao mantra "O baile faino un home", este espectáculo reivindica o papel fundamental da muller galega como preservadora das formas tradicionais da nosa danza. A peza é así unha mostra de admiración e agradecemento a todas as mulleres que transmitiron a nosa danza de raíz, malia non atrevérense a "levar o baile" por temor ao rexeitamento nos seus círculos sociais. Bailador entende a danza tradicional desde a contemporaneidade dos nosos días, nun relato no que a música e o baile se explican a si mesmos desde o prisma do feminino.
Producida, dirixida e coreografíada por Óscar Cobos, e con Jaime Pablo Díaz ao cargo da dirección artística, a peza pon en escena a nove bailadoras de destacada traxectoria en diferentes agrupacións e asociacións folclóricas galegas. Ruth Pérez, Nerea Fouz, Rebeca Tallón, Cristina Canosa, Marta Mosquera, Nuria Gesteira, Uxía Portela, Eva Diago e Lorena Toimil son así as encargadas de darlle forma bailada aos temas de Berrogüetto, un grupo que transformou o xeito de entender os nosos sons tradicionais e que conta con recoñecementos como o premio Eversteiner ao mellor grupo de folk europeo (1998), finalista ao premio Grammy Latino ao mellor disco folk (2002), ou o Premio da Crítica Galicia en recoñecemento a toda a súa carreira musical.
Óscar Cobos
Bailador, mestre, director, coreógrafo, produtor e investigador compostelán, Óscar Cobos comeza a súa andaina no eido do baile popular tradicional galego na A.F. Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela no ano 1988. Impartiu clases de danza tradicional nos centros galegos de Nova York, Nova Jersey e Connecticut e na Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina. Formouse como intérprete e mestre de Tango-Danza na Universidade Nacional das Artes de Buenos Aires. En Compostela foi fundador de GS21 —compañía de danza galega que renova os conceptos do baile popular galego dende unha mirada contemporánea— e de OCDANZA, o seu proxecto máis actual —compañía profesional de danza que traballa o baile galego dende múltiples miradas, sendo ao tempo respectuoso coa herdanza adquirida e renovador na súa posta en escena.
Ficha técnica
- Produción: Óscar Cobos Compañía de Danza
- Dirección: Óscar Cobos
- Dirección artística: Jaime Pablo Díaz
- Axudante de dirección: Iván Villar
- Coreografía: Óscar Cobos, Jaime Pablo Díaz e Iván Villar
- Composición musical: Berrogüetto
- Bailadoras: Ruth Pérez, Nerea Fouz, Rebeca Tallón, Cristina Canosa, Marta Mosquera, Nuria Gesteira, Uxía Portela, Eva Diago e Lorena Toimil
- Vestiario e escenografía: Carolina Díguele
- Deseño de iluminación: Daniel Pais
- Son: Francisco Alvarellos
