Austrian Soundscapes

Andreas Kurz, Sun O, Enrique Tomás, Jakob Dietrich e Doric Prlic, cinco músicos habituais da escena austríaca electrónica, ofrecen unha das propostas máis vangardistas deste Atardecer no Gaiás: unha mestura de arte contemporánea de vangarda, conceptual e de instalación coa música como vehículo de todo.

A obra de Andreas Kurz céntrase na intersección entre a arte visual e a música, sobre todo na relevancia do son na constitución da orde estrutural dun espazo. Kurz é un activo performer de música electrónica sen laptop, unicamente con caixas de ritmos e sintetizadores que combinan ritmos co ambient. 

O traballo de Sun O, pola súa banda, parte de situacións imprevistas, do xogo co son que producen diferentes máquinas. Próximo ao ‘circuit bending’, os seus concertos convértense nunha sucesión de composicións improvisadas como resultado da experimentación coas características sónicas dos dispositivos que ela mesma crea.

Os concerto de Enrique Tomás, de orixe español, lévanos a experimentar a escoita activa con rangos extremos de frecuencias e amplitudes, que se entrelazan en composicións que utilizan as propiedades acústicas do espazo da performance como o material mesmo da obra. 

Nos concertos de Jakob Dietrich, próximos ao son electroacústico e a miúdo como parte do duo thus & hence, o espazo de escoita formúlase como unha paisaxe sonora chea de sons funcionais que enfatizan a nosa escoita coas realidades da nosa vida diaria.

Interesada polo son no espazo público, a quinta integrante dos Austrian Soundscapes, Doric Prlic, adoita presentar a súa obra en forma de acción sonora, a metade de camiño entre a perfomance e o concerto.

 
Música & Escena
 
7 - 10 Mai 2026
Convocatoria pechada
Prazo de solicitudes ata 8 de marzo