Atardecer no Gaiás 2025

Atardecer no Gaiás programa 11 solpores musicais con 16 bandas para alongar con boa música as tardes dos xoves e venres entre o 3 de xullo e o 21 de agosto! A praza central do Gaiás volve abrirse este verán a todos os públicos e estilos, con artistas como Ana Lua Caiano, Al Safir, Faenna, Calle Mambo ou Futurachicapop. Rap e música urbana, ritmos latinos, electrónica, pop... bótalle un ollo ao cartel e se hai algún nome que non coñeces, podes escoitar un petisco nas nosas listas de Spotify e Youtube. Pero sobre todo, o mellor será que subas a descubrilos en directo na Cidade da Cultura!

Nesta nova edición de Atardecer no Gaiás, o talento da escena musical galega ten un protagonismo especial. Con The Rapants, Eris Mackenzie, Dirty Suc, Lua de Santana, La Toñi, Melodiam, Mocho Gris, Kike Varela DJ e os gañadores e gañadoras do certame Xuventude Crea 2024 nas categorías de música —Sara Gimeno, Lontras e Slimak— sumamos unha decena de bandas e artistas do país.

Todos os concertos serán ao aire libre ás 21 horas na Praza central do Gaiás, a non ser que a previsión metereolóxica obrigue a buscar unha alternativa ao acubillo.

Atardecer no Gaiás conta co patrocinio de Cervezas Alhambra que, no ano do seu centenario, reafirma o seu compromiso coas experiencias únicas que convidan a gozar sen présa, dedicándolle a cada momento o tempo que merece.

ATARDECER NO GAIÁS -  XULLO 2025

The Rapants XOV 3 XULLO | THE RAPANTS

The Rapants case non necesitan presentación. A banda, formada en Muros en 2018, leva animando desde entón festas e festivais por toda a Península Ibérica. Co seu último álbum La máquina del buen rollo (Premio MIN ao Mellor álbum en galego), e un son que surfea entre o pop, o garage e o disco, veñen a contaxiar a súa enerxía "rapante" e a facernos saltar ata gastar as zapatillas no primeiro concerto de Atardecer no Gaiás.

Eris Mackenzie VEN 4 XULLO | ERIS MACKENZIE

Eris MacKenzie é o nome do proxecto en solitario de Carlos Eirís. Unha combinación de electrónica minimalista con música tradicional galega a través da que fala das experiencias felices ou non tanto que o marcaron (relacións afectivas, problemas familiares, autoesixencia excesiva...). O coruñés vén de sacar Meu Ceu: Cantigas industriais e brutalismo emocional (AAldea, 2025) un álbum de 14 temas concibido como un proceso de duelo e liberación.

Ana Lua Caiano XOV 10 XULLO | ANA LUA CAIANO

Ana Lua Caiano explora a fusión do folclore portugués coa electrónica, incorporando os sons do cotián e da tradición en melodías superpostas e letras poéticas que conectan fondamente co público. O seu nome emerxeu na escena portuguesa hai pouco máis dun ano e co lanzamento do seu disco debut Vou Ficar Neste Quadrado (Glitterbeat, 2024) logrou consquistar á crítica especializada internacional e a festivais como o Primavera Sound. 

Calle Mambo VEN 11 XULLO | CALLE MAMBO

Calle Mambo veñen de Chile para presentar o seu terceiro disco, Retumba la Tierra, que editaron a comezos deste mes de xuño. O seu son busca unificar o folclore latinoamericano cos beats electrónicos e os ritmos urbanos, mostrando a riqueza das músicas do continente. Ata dez instrumentos tradicionais (quena, quenacho, charango, ronroco…) para invocar o baile e facer viaxar ao público pola diversidade de ritmos do outro lado do Atlántico. 

XOV 17 XULLO | ATARDECER FEST: DIRTY SUC + FAENNA + AL SAFIR
Tres nomes destacados no panorama da música urbana actual xúntanse no Atardecer Fest, unha xornada especial na que alongamos aínda máis o solpor con Dirty Suc, Faenna e Al Safir.
Dirty Suc

DIRTY SUC
Dirty Suc é un rapeiro vigués que leva os últimos catro anos sen parar de sacar música de maneira profesional, e toda a vida escribindo letras e compoñendo cancións. A súa carreira medrou de maneira exponencial ata ter máis de 130.000 ouvintes mensuais en Spotify, unha lexión de fans, seis mixtapes con colaboración con referentes como C. Tangana ou Hard GZ e dous álbums, o último titulado Fillo do Mar II.

Faenna

FAENNA
Desde o barrio malagueño de Huelin, Faenna eríxese testemuño da evolución da cultura andaluza. Un estilo afiado que destaca polas súas letras e enxeño, que no seu primeiro EP, Espabilá, mesturaba a esencia do rap clásico de Nova York con samplers de soul e jazz. Agora volve a escena con Julia y Manuel, un traballo que demostra a súa madurez como artista e como muller que ama, odia, ri, sofre, presume e pelexa, disposta e enfrontar calquera desafío.

Al Safir

AL SAFIR
Al Safir está consolidado como un dos grandes dentro do rap underground en español. Cun estilo que combina líricas crúas e mensaxes profundas, despegou en 2020 con Blow Up, un videoclip gravado con apenas 1.400€. Agora, este representante do rap bastardo da Serra de Madrid leva catro álbums de estudio, máis de medio millón de ouvintes mensuais en plataformas e encheu o Palacio Vistalegre para presentar ou seu último traballo Black Ops.

Lua de Santana VEN 18  XULLO | LUA DE SANTANA

Viguesa con raíces brasileiras, Lua de Santana mestura pop, música club e soul en cancións nas que explora a súa identidade e os ritmos afrolatinos para estimular o baile. Inspirada por artistas como SZA, Nina Simone, Beyoncé e FKA Twigs, Lua comezou en 2024 unha carreira ascendente grazas ao éxito do single PiRi PiRi e o seu EP Ginga, que a deron a coñecer ao público e lle abriron as portas a colaboracións con artistas como Nathy Peluso.

Mocho Gris XOV 31 XULLO | MOCHO GRIS

Con elementos que van dende o pop alternativo, o indie electrónico, o neo-jazz, o fado ou a música tradicional galega, Mocho Gris debutan con 2, un disco no que o galego Lucas de Centi (líder de Néboa e Mel, e colaborador de Baiuca e Aliboria) e o portugués João Neves (recoñecido artista luso e tamén colaborador de Baiuca) expanden os límites do pop ibérico, explorando as fendas entre diversos xéneros e trenzando un espazo sonoro propio.

 

ATARDECER NO GAIÁS -  AGOSTO 2025

La Toñi VEN 1 AGOSTO | LA TOÑI

La Toñi, artista viguesa coñecida por ser a voz e líder do grupo pop Dalsi, transfórmase en solitario cunha proposta entre o europop e o synthpunk na que a tristura se baila. Temas que falan de amor, de resacas emocionais e que celebran a amizade forman o seu primeiro EP, M D Amor <3, editado en cassete en 2024, no que atopamos influencias de artistas como Crystal Castles, HEARTSREVOLUTION, Strawberry Switchblade ou CSS.

Melodiam XOV 7 AGOSTO | MELODIAM

Desde Berlín chegan á Praza central do Gaiás Melodiam, un dúo formado polas pontevedresas Almudena e Carlota. A súa é unha proposta electrónica e urbana con letras vitalistas que coida ao detalle a dirección de arte, a producción e a composición dos seus temas para construír un imaxinario persoal que toma inspiración de melodías globais. Bótalle un ollo a calquera dos seus vídeos, como Baby Girl ou o seu último single SERÁ M3JOR.

Slimak, Lontras e Sara Gimeno VEN 8 AGOSTO | XUVENTUDE CREA: SLIMAK + SARA GIMENO + LONTRAS

Como xa é tradición, o escenario de Atardecer no Gaiás acollerá as propostas gañadoras na modalidade de música do certame Xuventude Crea 2024, co que a Xunta de Galicia premia o talento creativo máis novo. O R&B da canguesa Sara Gimeno (1º premio), a fusión de jazz e indietrónica de Lontras (2º premio) e o trío de música contempránea Slimak actuarán na praza central.

XOV 21 AGOSTO | FUTURACHICAPOP + KIKE VARELA DJ

Futurachicapop FUTURACHICAPOP

Sintetizadores e melodrama son as marcas da casa de Futurachicapop, unha das voces máis orixinais do pop actual. Himnos contaxiosos e confesionais nos que o amor, o desexo e a nostalxia son material para o baile e a autoafirmación queer. Literatura Romanticofestiva é o título do seu último traballo, unha reinterpretación e homenaxe ao pop chicle dos 2000s que xoga co eufórico e o melancólico para demostrar que o romanticismo segue vivo.

Kike Varela KIKE VARELA DJ

Kike Varela é un dos DJs de música electrónica con máis sona de Galicia. Muiñeira de Chantada foi unha das dez cancións en galego que máis soou en Youtube en 2023, e escoitouse tamén en pistas de baile, festivais, programas de tv e incluso no estadio do Depor. Gañar o concurso de DJs do Nova Era Beach abriulle a posibilidade de pinchar nun dos festivais máis grandes de Europa xunto a artistas como Timmy Trumpet ou Steve Aoki. Con el pecharemos esta edición de Atardecer no Gaiás.