Atardecer no Gaiás 2020

Velaquí unha nova edición de Atardecer no Gaiás! Urxíanos pórlle música aos solpores do verán, aínda que esteamos nun estío diferente. Por iso, o ciclo de concertos de balde ao aire libre da Cidade da Cultura adáptase nesta ocasión ao que 'a nova normalidade' nos esixe; formatos máis pequenos reducindo a capacidade de asistencia para gozar desta experiencia coa seguridade de que se están a cumprir as medidas sanitarias de protección e de distancia social.

No entanto, isto non vai impedir escoitar ao vivo todos os xoves ao caer o sol a mellor música da escena galega nun amplo repertorio de estilos, no que non faltará pop, jazz, soul, flamenco, indie, tradi ou incluso trap con Fon Román, Verto, Xoana, Guadi Galego, Quinteto Nós, daniBudiño e Son Trío.

                                   

                                                     Escoita Atardecer no Gaiás 2020 

 

                                       ATARDECER NO GAIÁS || XULLO

 9 DE XULLO | FON ROMÁN 

O ex guitarrista e compositor de Los Piratas volve á escena tras unha pausa de oito   anos para presentar o seu fermoso e persoal álbum ‘La chispa, la llama y el humo’,   onde se amosa a corazón aberto. ‘La chispa, la llama y el humo’ é unha homenaxe á   vida nas súas diferentes fases: o inicio (La chispa), o tempo que pasa (la llama)  e o   que se extingue (el humo). Tres símbolos que alicerzan un disco minimalista no que   expón unha ollada serena, arroupada pola musicalidade de coidadas guitarras,   mesturadas  con outros ritmos. Toda unha boa nova este regreso imprescindible.

 

 

16 DE XULLO | VERTO

O dúo compostelano ten pouco tempo de vida, pero o suficiente para que o trap retranqueiro de ‘Oie gayego’ se coase entre os temas máis reproducidos en Galicia na plataforma de música en liña Spotify.

Ritmos urbanos e de baile cun abano de letras que van desde a crítica e o humor acedo do seu hit; ao repertorio íntimo de temas, como ‘Algo que non sexa’; ou máis ao carón da actualidade recente, como o confinamento pola pandemia e que se reflicte no tema ‘Pegadiño a ti’. Aire fresco que entra polas fiestras da escena musical galega.

 

  23 DE XULLO | XOANA 

Unha voz poderosa coma unha diva soul e versátil coma unha estrela pop é a mellor definición para a súa carta de presentación. Súmase a este envoltorio letras reivindicativas —escritas  pola súa nai— ás que a cantante viste nunha variedade de xéneros que van desde o rock, ao funk e ao jazz, cos que pode amosar a forza sublime e calidade do seu rexistro. Esta valía levou a que o seu primeiro traballo ‘Dardos’ se atopase nas semifinais en sete categorías nos Premios de la Música Independiente (MIN), chegando á final do Mellor Disco en Galego. E isto só con 20 anos. Imperdoable non tela escoitado aínda.

 

           

                                 ATARDECER NO GAIÁS || AGOSTO E SETEMBRO

6 DE AGOSTO | GUADI GALEGO

Unha das artistas máis relevantes e premiadas da escena galega actual, froito dunha andaina musical que comezou en Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira e continuou con Espido e Nordestin@s  ata comezar a súa carreira en solitario, tamén ateigada de éxitos, como o Premio Martín Códax en Canción de Autor ou o recente Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado Español,  concedido polo seu último traballo ‘Immersión’. No Gaiás imos poder gozar das reinterpretacións dos temas das súa carreira nas sete linguas peninsulares. Un canto á diversidade, á vez que un xeneroso agasallo.

 

13 AGOSTO | QUINTETO NÓS. MARCOS TEIRA

Formación liderada por Marcos Teira, guitarrista galego namorado do flamenco, estilo co que tingue todos os paus e co que ten actuado por case todos os recunchos do planeta.

Premio Martín Códax ao mellor proxecto por Músicas del mundo, no Gaiás ofrecerá un selecto repertorio de adaptacións a este xénero de temas de jazz e de rock. Trátase dun traballo colectivo no que participan Moisés Fernández, ao caixón; Alfonso Calvo, ao contrabaixo; Ton Risco, ao vibráfono; e Isaías Salazar, no baile.

 

 

 20 DE AGOSTO | dani

dani –si, en minúsculas– é unha cantante e compositora nada en Vigo fai 22 anos e no seo dunha familia musical: os seus pais son Rosa Costas e Silvino, dous dos membros do mítico grupo Aerolíneas Federales.

No seu repertorio dani recolle o legado de toda a tradición da música popular que recibiu desde pequena de Robert Johnson a Rufus Wainwright, de Angele, de Beach Boys a Oasis ou de New Order a Charli XCX e Joe Crepúsculo, enriquecido cos seus estudos no Conservatorio Profesional.

 

27 DE AGOSTO | BUDIÑO

Vén presentarnos o seu último traballo, ‘Fulgor’. Nel racha con seis anos de silencio  dándolle protagonismo a súa voz e cun disco indie, tras dúas décadas centrado na gaita e na frauta e na música tradicional.

No Gaiás seremos testemuñas da súa reinvención, tal e como el mesmo a define,  a través de dez cancións orixinais, compostas, producidas e cantadas por el mesmo. Un renacer ben interesante.

 

 

 

3 DE SETEMBRO | SON TRÍO

A expresiva voz de Su Garrido Pombo, as composicións ao piano de Katerina Linke e a arte de Susanna Blanco ao violoncello únense para facernos viaxar por unha experiencia sonora tan emotiva como conmovedora; unha rusa de corazón galego e dúas galegas namoradas da súa terra, as tres con estudos profesionais de música, conforman este proxecto. Con melodías de clásica, jazz ou folk, o repertorio é integramente en galego, un recompilatorio no que, ademais de musicar a Celso Emilio Ferreiro ou Rosalía de Castro, entre outros, ofrecen versións propias de cancións populares galegas.