Atardecer no Gaiás 2018 contará con 21 bandas e artistas para pórlle banda sonora aos solpores do verán. Este ciclo de concertos ao aire libre e ao caer o sol é unha das citas consolidadas da época estival. O cartel deste ano é un fiel escaparate das tendencias musicais actuais. Así, dálle máis espazo ás músicas urbanas —hip-hop, trap ou cumbiaelectronica— e evidencia unha clara aposta polas voces femininas —maioría nesta edición— e nun abano amplo de rexistros.
O seu cartel sempre xera expectación para estar ao día da actualidade musical tanto a nivel internacional como galega, que conta cun peso relevante e de estilos variados. Así, nesta octava edición poderase escoitar o folk combativo de A Banda da Loba, o pop de Yelow Belly e David Vázquez, a electrónica de Baiuca, o funk de Nastasia Zürcher, o tributo a Queen da Banda Artística de Merza xunto ao coro Gli Appassionati; ou sons persas extraídos da mandolina, grazas ao último proxecto de Fernando Barroso, Silence Lovers Club.
Atardecer no Gaiás é tamén un escaparate das últimas tendencias musicais. Así, nesta edición estarán algún dos representantes máis actuais dos sons urbanos como son o hip hop, trap ou a electrocumbia. Neste último caso da man das Tremenda Jauría, unha das formacións do panorama estatal que máis está a triunfar neste estilo con letras feministas e sociais, que será a encargada do peche por todo o alto o 18 de agosto.
Os sons internacionais veñen da man da híbrida formación Shirley Davis & the Silverbacks que mestura compoñentes do de Australia e España para ofrecer un funky do máis bailable; a paixoal arxentina Nathy Peluso; os mexicanos La Redada; ou a bossa-nova de Dom La Nena, do Brasil.
Deste xeito, Atardecer no Gaiás volve ofrecer unha escolma de diferentes estilos musicais, no que non faltarán representantes do indie --Modelo de Respuesta Polar, Pajaro Sunrise , Mordem ou Pony Bravo; do punk, coa actuación de Las Odio; do trap, con Rels B; do jazz afroamericano de Paula Valls; ou da música árabe con N3rdistan. Todas estas actuacións para converter, un ano máis, a Praza Central nunha gran pista de baile na que volver desexar que se poña o sol.
- Velaquí a playlist para escoitar a banda sonora de Atardecer no Gaiás 2018, preme para escoitala!
- Máis información en www.atardecernogaias.gal

982.71 KB |