A Cidade da Cultura de Galicia acolle esta tarde, entre as actividades do I Foro Iberoamericano de Educación y Cultura en la Era Digital (Fieced) un concerto pedagóxico da man de Ara Malikian e Fernando Egozcue. Dous músicos cunha longa relación de máis de 15 anos que unen os seus talentos no escenario para interpretar obras dos dous álbumes que gravaron xuntos: Lejos e Con los ojos cerrados.
A instrumentación en dúo e a contrastada calidade dos músicos que o compoñen, aportan a consistencia rítmica e solidez harmónica necesaria para facernos gozar dunha música cun estilo persoal moi definido, forte e sen concesións.
A valentía, a verdade interpretativa levada ata as súas últimas consecuencias, non quedar con nada para si mesmo mentres se expresan cos seus instrumentos, é o que estimula ao oínte esa noción de realidade tan profunda desde a que, sen dúbida, un sae da indiferencia.
A música de Egozcue de raíz arxentina e intensamente emotiva, concibida como unha música de cámara, cun forte e fluído desenvolvemento rítmico. Tanto a súa formación clásica como a influencia do jazz e as músicas contemporáneas combínanse para deixar paso á paixón e á forza expresiva dunha música auténtica, verdadeira e arrebatadora.
Ara Malikian é posuidor dun estilo propio, forxado a partir das súas orixes e ricas vivencias musicais, o seu violín álzase como unha das voces máis orixinais e innovadoras do panorama musical internacional.
O concerto será o broche perfecto do Fieced, no que os participantes poderán coñecer iniciativas, proxectos e recursos encamiñados a mellorar os sectores educativos e culturais na nova era dixital, e tamén manifestacións artísticas e culturais que completan unha ampla oferta encamiñada ao aumento do coñecemento en toda Iberoamérica.



