Andainas Cidade Verde

Queredes vir festexar a chegada dos primeiros raiolos, flores e cores que supón sempre a estación da primavera no Bosque de Galicia? Participade nas Andainas Cidade Verde nas que as descubertas van ser maiores e máis sorprendentes das que seguro imaxinades.

Estase a rematar a segunda fase de ampliación do Bosque de Galicia, considerada coas súas 24 hectáreas, o pulmón verde da capital galega. Tras estas obras, aumentaranse en 10 hectáreas máis esta zona verde do monte Gaiás. Por iso, queremos tirar proveito desta novidade para ensinarvos en primicia os novos roteiros.

Con esta saudable intención, na Cidade Verde 2018 témosvos preparadas 3 saídas temáticas, de balde, para que vos sorprendades coa flora, aves e vexetación do Bosque de Galicia. Comezan ás 16:30 e as 19:30 cun aforo máximo de 30 persoas por quenda.

  • Roteiro interpretativo dos espazos verdes da Cidade da Cultura.

De 16:30 a 18:00 h. 30 persoas máximo. Da man do departamento de didáctica da Cidade da Cultura faremos un percorrido polo Bosque de Galicia para coñecer a súa conformación, como xurde este proxecto e como se insire dentro do proxecto arquitectónico de Eisenman e teremos oportunidade de ver de primeira man todas as especies e espazos que o conforman.

  •  As aves no Bosque de Galicia.

De 17:00 a 18:30 h. 15 persoas máximo. Non é doado que as persoas que se achegan aos espazos naturais da Cidade da Cultura de Galicia poidan ver que o bosque está habitado por un grande número de aves. Grazas ao amante da ornitoloxía Agustín Alcalde faremos unha interesante sesión de observación de aves nun dos momentos do ano máis interesantes para estes avistamentos.

  •  Do visible ao invisible. A flora e a micoloxía no Bosque de Galicia.

            De 17:30 a 19:00 h. 30 persoas máximo. A reforestación que se está a realizar no Bosque de Galicia está a dar os seus froitos, pero estes non se limitan a ver crecer as novas árbores e conservar as xa existentes. Ao redor destas intervencións estase creando un micosistema que é un grande medidor da evolución do novo pulmón da cidade. Da man da Sociedade Micolóxica Lucus e coa colaboración do Proxecto Landra descubriremos a grande importancia do non visible para poder admirar máis o visible.