5ª Xornada de bibliotecas públicas de Galicia 2023 | Fondo local. Memoria e identidade

O auditorio do Edificio Fontán acolle a 5ª Xornada de bibliotecas públicas de Galicia, promovida pola Dirección Xeral de Cultura, o 30 de outubro. Nesta edición a xornada pretende dirixir a atención á memoria local baixo o título Fondo local. Memoria e identidade.

A memoria local define cada biblioteca e a comunidade á que serve, identificando ás persoas e ao grupo social vinculados a un territorio, a unhas tradicións e a unha historia. A preservación desta memoria  constitúe a pedra angular dunha biblioteca e conforma o seu elemento diferenciador. Así, abordaranse diversos aspectos referidos á recollida, elaboración e conservación de materiais cos que recuperar e difundir a memoria local e exploraranse vías de achegamento á poboación que constrúe e é depositaria desa memoria.

Dunha forma amena, dinámica e práctica, os e as profesionais da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia poderán coñecer e compartir experiencias coas que fortalecer e mellorar o seu labor na recuperación e preservación da memoria local.

 A xornada pecharase coa entrega dos Premios á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2023.

AVISOS:

  • Prégase indicar na inscrición (no apartado 'observacións') a biblioteca coa que ten relación a persoa apuntada.
  • Para asistir á xornada de tarde deben inscribirse nun dos tres obradoiros programados (reservas na columna da dereita). [SÓ PARA PERSOAS INSCRITAS NA XORNADA]