O ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros da Biblioteca de Galicia continúa este venres, 1 de outubro, co escritor, tradutor e profesor Santiago Lopo. O gañador do Premio Xerais de Novela no 2017 e autor da recentemente publicada A carteira, falaranos dunha das grandes obras da nosa literatura, Merlín e familia. Lopo estará acompañado polo investigador, profesor e crítico literario Armando Requeixo, un dos máis grandes coñecedores, non só de Cunqueiro senón da literatura mindoniense.
O clásico de Álvaro Cunqueiro, publicado por primeira vez en 1955 pola editorial Galaxia baixo o título de Merlín e familia i outras historias, será o libro que artelle a conversa entre os nosos dous convidados. De seguro nos permitirá achegarnos a aspectos pouco coñecidos dunha obra que popularizou o ciclo artúrico nunha xeración de lectoras e lectores que descubrían por primeira vez o galego nas páxinas dun libro.
Traducida ao castelán polo propio Cunqueiro, Merlín e familia tamén se pode ler en idiomas como o inglés, o italiano ou o alemán.
Como vén sendo habitual, a sesión de 10+10+10 arrancará no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia ás 19.00 horas, e a asistencia é de balde previa inscrición. Tamén se poderá seguir na nosa canle de YouTube.
O ciclo continuará no mes de outubro coas intervencións de Andrea Maceiras e Juan Tallón.
Os autores

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971)
Crítico literario e investigador. Profesor na USC e secretariodo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Como ensaísta e estudoso ten publicado numerosas monografías e edicións de autores clásicos da literatura galega do século XX. Tradutor, coordinador de Publicacións e Actividades da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro e secretario do Boletín Galego de Literatura, é colaborador habitual dos xornais do Grupo Editorial Prensa Ibérica (Faro de Vigo, La Opinión) e do Grupo La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños) e tamén da Radio Galega.
