10 anos, 10 autores, 10 libros | Juan Tallón

O ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros, organizado pola Biblioteca de Galicia para celebrar o seu décimo aniversario, chega ao seu fin este venres 29 de outubro. Depois de escoitar a Arantza Portabales, Ledicia Costas, Domingo Villar, María Solar, María Canosa, Fina Casalderrey, Santiago Lopo, Pedro Feijoo e Andrea Maceiras, o autor número 10 será Juan Tallón. O autor de Rewind estará acompañado da poeta Dores Tembrás.

O narrador e a poeta falarán de Días contados (Xerais, 1991), obra escollida por Juan Tallón para a súa conversa. Igual que no seu inicio, o ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros remata tendo como protagonista un libro de relatos. Nos doce relatos da obra de Cid Cabido a realidade e o absurdo combínanse á perfección. Neles a cidade de Vigo serve como escenario para mostrar o illamento, as carencias afectivas e a soidade máis insoportable.

De novo esta última cita terá lugar ás 19:00 no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia e poderá verse en streaming na canle de Youtube da Cidade da Cultura. Remata así esta proposta cultural da Biblioteca de Galicia que tivo como obxectivo que os nosos escritores falasen dun título da nosa literatura que lles marcase a súa traxectoria como lectores e como creadores de literatura, pero que tamén pretendeu reforzar o amor a lectura a través das lembranzas e sentimentos deses autores por un libro.

Conversamos con 

Juan Tallón (Vilardevós, Ourense, 1975)

Licenciado en Filosofía. Xornalista e escritor. Colaborador en medios como El ProgresoEl PaísJot Down e a Cadena SER. En 1998 publica o ensaio Jacinto Santiago. Escenario grotesco e exemplar (1998), biografía sobre este político, mestre e xornalista ourensán. A autopsia da novela (2007) foi a súa primeira obra longa de ficción, un xénero que xa frecuentara dende o relato curto, participando en diferentes publicacións colectivas. Con esta novela gaña o IV Premio Pastor Díaz de Novela.

Outros dos seus títulos publicados en galego son A pregunta perfecta (O caso Aira-Bolaño) (2010) e Fin de poema (2013), que foi traducido ao castelán. En castelán publicou obras de non ficción como Libros peligrosos, Manual de fútbol. Un libro fuera de juego e Mientras haya bares e as novelas El váter de Onetti e Salvaje Oeste. A súa última obra é Rewind, publicada por Anagrama en 2020.

 

Dores Tembrás (Bergondiño, 1979)

Licenciouse en Filoloxía Hispánica en 2001 e en 2008, despois de anos investigando e diferentes estadías en Suecia, Madrid e Buenos Aires defendeu a súa tese doutoral: La obra poética de Alejandra Pizarnik. Arquitectura de un desencuentro. En 2009 publicou o seu primeiro poemario, O pouso do fume. A partir dese momento sucédense os traballos poéticos: EsquiagrafíasDiapositivas a clareo, Silabario e Opium. En 2013 gañou o Premio de Poesía Concello de Carral co libro Cronoloxía da urxencia e en 2016 publicou a plaquette Auga a través. O seu primeiro libro de poesía infantil, O peizoque Roque ve a luz en 2012.

O seus textos foron traducidos a diversas linguas (vasco, catalán, español, inglés, alemán, ucraíno, croata, búlgaro e estonio) e incluídos en revistas, obras colectivas e antoloxías de difusión internacional. En 2014 funda xunto á escritora Antía Otero o proxecto cultural Apiario, cunha área dedicada á formación, con cursos de escrita creativa e poética, e outra á edición de libros. 

.

 
Letras & Pensamento