10 anos, 10 autores, 10 libros | Domingo Villar

Este venres 4 de xuño, a Biblioteca de Galicia retoma o seu ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros. Nesta proposta cultural para celebrar o seu décimo aniversario, o obxectivo da BdG é que dez dos nosos autores máis representativos compartan co público asistente as súas experiencias en torno a unha obra senlleira da literatura galega.

Despois de escoitar a Arantza Portabales falando de Que me queres amor? e a Ledicia Costas de Cartas de inverno, tócalle agora a quenda a Domingo Villar. O autor de Ollos de auga, A praia dos afogados e O último barco, seleccionou o libro de relatos Cousas de Castelao como protagonista da súa charla.

Este conxunto de narracións breves, na que tamén se pode desfrutar do talento do Castelao debuxante, foi publicada por primeira vez no ano 1926. Moitos a consideran a mellor obra literaria do gran intelectual galego e mesmo aparece descrita como título fundacional da prosa galega, ao mesmo nivel que outras obras do canon literario en galego, como Cantares gallegos.

A obra coa que Castelao creou un xénero novo e persoal e na que reflectiu a súa interpretación de Galicia, será a que artelle a conversa do creador do inspector Leo Caldas, unha das personaxes literarias máis esencialmente galegas dos últimos tempos.

Seguindo a pauta dos anteriores encontros de 10 anos, 10 autores, 10 libros, Domingo Villar compartirá as súas impresións e recordos desta obra de Castealo co libreiro, e tamén escritor, Xacobe Pato.

De seguro que a visión que nos ofrecerán de Cousas o escritor e o libreiro que se definen como sigue será única, innovadora e diferente.

 

Domingo Villar

Nado en Vigo en 1971. Autor de tres novelas ambientadas nas rías (Ollos de auga, A praia dos afogados e O último barco), contos e unha obra de teatro. Os seus libros foron traducidos a dezaoito linguas e por eles ten recibido varios recoñecementos. Fillo de adegueiro e durante catro anos falou de viño e gastronomía na Cadena SER. Tamén ten tido unha sección de libros en Radio Nacional de España.

 

 

 

Xacobe Pato
Nado en Ourense en 1987. É autor dun libro de diarios chamado Seré feliz mañana. Ten colaborado en distintos medios de comunicación, escribindo e lendo o que escribía. Actualmente traballa na libraría Cronopios de Santiago de Compostela.

 

 

 
Letras & Pensamento