WOS Festival x SON Estrella Galicia elexido mellor festival 'indoor' de Europa

Data: 
17/01/2019

O xurado especializado da décima edición dos European Festival Awards elixiu ao compostelán WOS Festival x SON Estrella Galicia como mellor festival indoor de Europa en 2018. O galego competía con outros nove finalistas, sete deles alemáns, un austríaco e un checo. Desde a primeira convocatoria dos galardóns, só en tres ocasións un festival español levou algún dos premios: o Primavera Sound en 2014, e de novo o Primavera Sound e o Mad Cool en 2017.

A organización da cita compostelá subliñou desde os seus inicios a súa vontade de ofrecer unha alternativa cultural e artística na que descubrir e gozar de experiencias únicas en contextos moi especiais e audiencias limitadas. A súa proposta defínese pola súa vontade de presentar no marco excepcional que ofrece Santiago de Compostela formas artísticas ao redor da música electrónica e a exploración avaladas polo rotundo recoñecemento do público e da prensa fóra das nosas fronteiras.

Un dos elementos diferenciais do WOS son precisamente as súas doce sedes, distribuídas polo centro urbano e histórico da capital galega, e entre eles a Cidade da Cultura, que colabora co festival como parte da súa aposta pola promocion do emprendemento no eido das industrias culturais e creativas. Precisamente WORK ON SUNDAY, a empresa promotora do festival, forma parte das empresas e iniciativas emprendedoras que acolle o Coworking do Centro de Emprendemento do Gaiás.

Nos seus cinco anos de traxectoria o WOS estivo presente tamén no museo Centro Galego de Arte Contemporánea - CGAC, o Teatro Principal, a terraza da Fundación Eugenio Granell, a Igrexa da Universidade, o Mercado de Abastos, a sede da Fundación SGAE, as salas Capitol e Malatesta ou a sala de cinema independente NUMAX.

O seu programa reuniu a artistas destacados pola crítica especializada de procedencias tan dispares como Exipto, Sri Lanka, Xapón, Israel, Hungría, Austria, Serbia, Alemaña, Finlandia, Brasil, Estados Unidos, Australia, Canada ou Níxer. O programa, estruturado ao redor da música, incluíu ao longo das súas cinco edicións mesas de debate, estreas de cinema, noites de club, performance e escénicas, ou actividades gastronómicas. Propostas que complementan o musical con inicaitivas destinadas a un público inquedo que busca alimento artístico máis aló de eventos masivos.

Paralelamente, a cita anual da promotora compostelá WORK ON SUNDAY volve repetir outros cinco nomeamentos nos Iberian Festival Awards, que premian a excelencia entre todos os festivais de España e Portugal. Os gañadores da competición ibérica serán anunciados o 13 de marzo nunha gala oficial en Vigo.