CreaGaiás 2019

Data: 
11/04/2019

O 11 de abril a Cidade da Cultura acolle a segunda edición do CreaGaiás, unha xornada lúdico-formativa que procura potenciar o emprendemento e a creatividade así como darlle visibilidade as empresas e proxectos residentes no Centro de Emprendemento do Gaiás e ás personas emprendedoras e profesionais do sector creativo en xeral. Por iso, a xornada está especialmente dirixida a  profesionais do sector, así como a público interesado en aprender sobre imaxe na contorna dixital ou en coñecer de primeira man as empresas residentes no Centro de Emprendemento.

A xornada, que se desenvolverá a partir das 16h no Centro de Emprendemento, inclúe un mercado creativo das empresas e persoas emprendedoras residentes no Coworking e Viveiro do Gaiás, dous obradoiros dirixidos a emprendedores e creadores sobre fotografía con teléfonos móbiles e ioga e hixiene postural no entorno profesional, así como un faladoiro e concerto acústico do dúo xixonés Pauline en la Playa, que esta primavera lanzará un novo traballo discográfico. Completan o programa unha sesión con Rapariga DJ e a entrega de premios dos dous certames fotográficos que foron prólogo desta xornada.

CreaGaiás é un proxecto organizado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia e a empresa de xestión cultural Correveydile. Conta coa colaboración da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo e a empresa Daveiga.
 
Ilustración de Nuria Díaz.