O martes 4 de setembro terá lugar un novo obradoiro destinado a persoas emprendedoras dentro do programa de formación e titorización do Centro de Emprendemento do Gaiás. Esta sesión abordará cuestións chave para o bo goberno e xestión dos proxectos empresariais. A entrada é libre e de balde.
Explicaranse as distintas fórmulas xurídicas que poden adoptar as empresas, así como as particularidades da cooperación público-privada. Tamén se falará do proceso organizativo interno, propoñendo estratexias para a xestión e liderado dos proxectos empresariais. Na última parte do obradoiro realizarase unha introdución a conceptos básicos de contabilidade para Pemes, analizando casos reais que se completarán cun repaso a conceptos básicos de fiscalidade.
A formación será impartida por Raquel Freire, profesional con ampla experiencia no lanzamento ao mercado de iniciativas emprendedoras, ben como asesora e tutora de proxectos, ben conducíndoos de primeira man. Docente especializada en metodoloxías de xeración de ideas e no desenvolvemento de empresas de base tecnolóxica, ten acompañado proxectos de ámbitos moi diferentes, tanto tecnolóxicos como culturais e sociais.