Obradoiro: 'Ferramentas de venda'

Data: 
05/06/2018

O 5 de xuño ten lugar a seguinte sesión do programa de formación e titorización destinado a persoas emprendedoras e impartido no Centro de Emprendemento do Gaiás. Neste caso, trátase do obradoiro 'Ferramentas de Venda', unha actividade formativa co obxectivo de identificar e aprender a empregar diferentes técnicas de venda, priorizando as ferramentas máis oportunas para a actividade comercial no sector cultural e creativo.

Á súa vez, potenciaranse as habilidades de comunicación e fórmulas de presentación dos participantes mediante exercicios prácticos, reforzando a comunicación emocional e a empatía. Na última parte da sesión abordarase a análise de obxeccións e os procesos de negociación para orientar ao alumnado ao peche da venda.

O obradoiro será eminentemente práctico, facilitando guías e pautas para mellorar a venda e o peche de acordos comerciais.

A formación estará impartida por Nuria Fernández, licenciada en Administración e Dirección de empresas con máis de 10 anos de experiencia traballando para entidades públicas e privadas e nos 5 últimos anos como emprendedora. A súa experiencia permitiulle aplicar diferentes técnicas de venda para diferentes públicos: concellos, organismos autonómicos, asociacións empresariais, culturais e empresas.