O Centro de Emprendemento de Galicia no Culturgal 2018

Data: 
30/11/2018

O venres 30 de novembro o Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura viaxa ao Culturgal para dar a coñecer o seu programa de apoio ao emprendemento, e en especial os Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, que veñen de celebrar a súa sexta edición co patrocinio de Afundación, a Obra Social de ABANCA, e a colaboración do Igape.

A presentación terá lugar no Espazo Foro do Culturgal ás 19:00 horas e contará coa presenza da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo, da responsable do CEM, Berta Álvarez-Buylla Falces e de dúas emprendedoras recoñecidas nos galardóns ao emprendemento cultural e creativo do CEM: Inés Rodríguez, fundadora de Kandoro, e Sandra Vilas, creadora de Boina Galega.

Os Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco consolídanse como unha das apostas estratéxicas da Cidade da Cultura para favorecer a creación de novas empresas e de emprego no sector das industrias culturais e creativas de Galicia. Desde a súa primeira convocatoria, no ano 2013, presentáronse a estes premios arredor de 120 proxectos e ideas emprendedoras. Moitos deles mantéñense, a día de hoxe, como empresas cunha traxectoria consolidada.

Impulsados pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, os galardóns apostan polos emprendedores e emprendedoras galegos desde que dan os seus primeiros pasos, nun apoio que se materializa non só na achega económica que supoñen estes premios, senón tamén en acompañalos no seu camiño coa guía e o asesoramento de expertos que poñen o seu coñecemento e experiencia ao seu servizo.