Grupos emerxentes en 'Atardecer no Gaiás' para esta semana

Santiago de Compostela, 29 de Xullo de 2019

Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos do verán da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura, permite esta semana —a primeira da programación do mes de agosto— a descuberta de grupos emerxentes do panorama musical nacional, como os granadinos Apartamentos Acapulco; o post rock dos galegos Malraio; e o electropop Monterrosa.

Deste xeito, estes concertos de balde e ao solpor confirman a súa faciana de escaparate e proxección de formacións novas, que están a facerse un sitio no panorama musical nacional e tamén como panca para os grupos galegos, como é o caso dos composteláns Malraio, catro músicos cunha longa traxectoria musical por separado na escena galega en The Homens, Grampoder, Fullsomes ou Dirty Barriguitas. Na actualidade, acaban de emprender este novo proxecto común, no que as melodías das guitarras son tan determinantes como as letras, marcadas pola escuridade que lle confire o escepticismo que proxectan sobre os valores da sociedade actual e sobre a xestión das crises e dos conflitos persoais.

No entanto, haberá que agardar ao venres para escoitalos, xa que Atardecer no Gaiás inaugurará os concertos da semana cos granadinos Apartamentos Acapulco, grupo que conta co ‘Premio Artista Emergente’ de Radio 3. A formación ofrecerá enriba do escenario Cervezas Alhambra —patrocinadora do ciclo— un repertorio de novos temas, que teñen como sinal de identidade as melodías coidadosamente sinxelas, compactadas con guitarras e sons de sintetizadores ruidosos. No seu estilo son facilmente recoñecibles as influencias de Pulp, The Smiths ou Sonic Youth e, como non, dunha das bandas granadinas con máis proxección como son Los Planetas.

Tras o concerto do venres, 1 de agosto, pecharán a semana os madrileños Monterrosa. Esta parella musical de recente formación xa leva tempo animando pistas de baile coas súas desenfadadas sesións DJ, nas que xa deixaban intuír o estilo que agora ambos amosan xuntos como dueto: electropop que empurra a bailar, pero con letras que convidan a cuestionarse desde o persoal e tamén desde unha perspectiva xeracional, como é o caso de Me manipulaste, un himno das pistas de baile de música alternativa e indie.

Escaparate grupos galegos

Estes tres concertos forman parte das 20 actuacións que, con entrada de balde, compoñen Atardecer no Gaiás, que se celebrará na Praza Central da Cidade da Cultura ata o 17 de agosto. Esta edición continúa a darlle visibilidade aos ritmos que triunfan na actualidade entre a xente máis nova, e tamén as formacións galegas,  como é o caso non só de Malraio, senón tamén de Laura Lamontagne, Soulmacklein e Berta Franklin —que actuaron no mes de xullo— e Agoraphobia, De Vacas ou Best Boy, que tocarán en agosto.