Holi Gaiás 2024

sábado 8 de xuño volve a Holi Gaiás á Cidade da Cultura e vén con novidades, porque temos preparada unha Peque Holi para a cativada entre 4 e 9 anos!! A sexta edición desta carreira lúdica, familiar e festiva xa está en marcha para que poidades gozar en familia ou coas amizades dunha proba deportiva na que un dos máximos atractivos é enzoufarse na súa tradicional poeira de cores durante o percorrido e no fin de festa.  

A actividade está pensada como opción para a práctica saudable e para pasar un tempo agradable cheo de diversión nun espazo tan vistoso e singular como é o monte Gaiás.

Patrocinada por Viaqua e coa colaboración da Federación Galega de AtletismoGadis e Coca-Cola, a Holi Gaiás trae á Cidade da Cultura o seu espírito festeiro e nada competitivo, no que o importante non é gañar, senón celebrar as últimas semanas dunha estación como a primavera cunha explosión de música e de cores, inspirada no festival Holi da India. 

A proba conta, ademais, con animación previa e posterior, cun quecemento animado con música e baile e un fin de festa tamén musical.

CATEGORÍAS E PERCORRIDO

A Holi Gaiás, para persoas a partir dos 10 anos, ten un percorrido de 5 km e tomará a saída ás 12.00h. Nesta traxecto participan conxuntamente a categoría infantil (anos de nacemento: do 2009 ao 2014) e adulta (anos de nacemento: 2008 e anteriores). Así, os premios tamén se dividen desta maneira:

  • 3 primeiros clasificados na categoría infantil masculina
  • 3 primeiras clasificadas na categoría infantil feminina
  • 3 primeiros clasificados na categoría adulta masculina
  • 3 primeiras clasificadas na categoría adulta feminina 
A Peque Holi, para cativada entre 4 e 9 anos (nados no 2020 e anteriores), ten un percorrido de 700 metros que se iniciará ás 11.30h. Os pequenos e pequenas poden ir acompañados dun adulto se así o consideran, aínda que o circuíto conta coa seguridade necesaria para que poidan correr sós. 
 

 

PODES DESCARGAR AQUÍ O REGULAMENTO COMPLETO

 

 
En familia