Escenas do cambio 2024

Escenas do cambio, o festival de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura, celebra a súa décima edición do 3 ao 5 de maio de 2024. Dirixido pola bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez, este aniversario concíbese como unha celebración da traxectoria do festival e da súa capacidade transformadora para artistas, espazos e publicos.

A programación inclúe trece propostas que desafían, nos seus procesos e resultados, os límites da creación artística. Seis dos espectáculos terán ademais a súa estrea a nivel mundial no festival. Participan nesta edición as artistas e compañías galegas Gallaecia Ensemble Barroco, Ay, Cariño! —novísima compañía formada por Cris Vilariño e Diego M. Buceta—, Mateo Feijóo, David Loira, o dúo audiovisual formado polo DJ Yuraq Walla e Emilio Horyaans e as bailarinas Clara Ferrao, Marcia Vázquez, Ana Beatriz Pérez e Raquel Ferradás.

Desde Cataluña, contaremos coa artista cíborg Moon Ribas e o acróbata Quim Girón; Raquel Ponce desde Canarias; Álvaro Murillo e Artomático entre Estremadura e Madrid, e a compañía La intrusa desde o País Vasco. No apartado internacional, contaremos co artista portugués António Gonçalves e o escritor Pedro Eiras, coa recoñecida intérprete e mestra internacional afincada en Bélxica Laura Aris, e asistiremos ao reencontro entre o bailarín español Andrés Corchero e o xaponés Oguri. Ademais, en colaboración co proxecto Phōnē e o Centro Dramático Galego, gozaremos dunha mostra da dramaturxia contemporánea en tres linguas minorizadas europeas: o ladino do Tirol do Sur, o yiddish falado en Romanía e o irlandés. Consulta a información ao detalle na web de Escenas do cambio [enlace directo na imaxe inferior].

O festival, organizado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, conta coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música – INAEM, o Instituto Camões, a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego.

Enlace á web de Escenas do cambio