De comerciantes a banqueiros. As orixes da banca en Galicia | Exposición Arquivo de Galicia

Esta exposición que organiza o Arquivo de Galicia para celebrar o Día dos Arquivos (pode visitarse ata o 15 de outubro) achégase ao fenómeno da actividade bancaria en Galicia nunha época de profundas transformacións políticas, económicas e sociais, entre as que destaca o inicio do movemento emigratorio a grande escala a mediados do século XIX.

Baixo o título De comerciantes a banqueiros. Orixes da banca en Galicia, a mostra supón unha aproximación que aproveitará a presenza no Arquivo de Galicia dos fondos documentais da Real Sociedade. Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela,  do Banco Sáenz-Olimpio Pérez desta mesma cidade e o da Casa de Banco e Comercio Bengoechea, de Ribadeo. A través deles, observaremos como a reflexión teórica e as iniciativas prácticas da Real Sociedade Económica de Amigos del País, por unha banda, e, por outra, a actividade comercial e bancaria de entidades como as que nos sirven de exemplo contribuíron a modificar o país e a sentar as bases do sistema financeiro que hoxe coñecemos, no contexto do desenvolvemento do capitalismo mundial.

 

A Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela

A finais do século XVIII, en Galicia, como no resto de Europa, no contexto das transformacións económica, sociais e culturais que se están a desenvolver, xurde un movemento renovador que, imbuído do pensamento ilustrado, intentará transformar as bases sobre as que se sustentaba  o Antigo Réxime e construír unha sociedade  “moderna”. Un papel decisivo neste proceso foi o desenvolvido polas sociedades económicas de amigos do país. O obxectivo destas institucións era fomentar a agricultura, o comercio, a industria, as artes e as ciencias.

En 1784 Carlos III acorda tomar baixo a súa protección a Sociedade Económica de Amigos  do País de Santiago, nacida pola inciaciativa de membros do cabido da Catedral de Santiago, de profesores da universidade e de integrantes da burguesía local. Da intensa actividade realizada, especialmente desde 1834 ata comezos do século XX, destacamos, no contexto desta exposición, o patrocinio da creación en 1878 da Caixa de Aforros e Monte de Piedade de Santiago de Compostela.

No ano 2016 a institución realizou o depósito do seu arquivo, en réxime de comodato,  no Arquivo de Galicia. 

 Pérez Sáenz e os seus sucesores 

Nos anos 30 do século XIX, seguindo a estela doutros moitos rioxanos chega a Santiago Manuel Pérez Sáenz e comeza a traballar no negocio de Francisco Rodríguez Arijón, un acomodado comerciante, que se converterá uns anos despois no seu sogro.

O negocio inicial, principalmente de cera e velas, un produto importante nesta época tanto polo seu uso doméstico como relixioso, irá transformándose ata converterse nunha importante casa de comercio e banca.

A primeira etapa da actividade de Manuel Pérez Sáez estivo moi ligada á  compra de millo con destino a Irlanda e Inglaterra, pero a partir de mediados do século XIX soubo aproveitar as posibilidades que ofrecía América Latina, especialmente Cuba e Arxentina.

En 1884 Olimpio e Cándido, fillos de Manuel, constituirán a sociedade  denominada “Hijos de Pérez Sáenz”. Tras a morte de Cándido pasará a ser “Olimpio Pérez”, "Olimpio Pérez e Hijos" e “Hijos de Olimpio Pérez” sucesivamente para, finalmente constituírse en sociedade anónima en 1956. Neste mesmo ano absorbeu ao banco barcelonés "Banco de Crédito e Inversiones", adoptando o seu nome. En 1987 pasa a denominarse "Banco Gallego". Finalmente, no ano 2013, será vendido en pública poxa ao Banco Sabadell.

 No ano 2017 parte do seu arquivo foi depositado por esta entidade no Arquivo de Galicia.

 A Casa de Comercio e Banca Bengoechea

A “casa de comercio” Bengoechea de Ribadeo, dedicada á actividade comercial, navieira e bancaria foi fundada polo biscaíño Francisco Antonio de Bengoechea no primeiro terzo do século XIX.

Como moitos outros comerciantes situados na costa vinculou parte do seu negocio ao comercio colonial e á recepción de remesas de diñeiro enviadas polos emigrantes aos seus lugares de orixe. Entre 1864 e 1874 representou os intereses do Banco de Oviedo na costa lucense e tivo unha intensa e duradeira relación de negocios coa Casa Simeón de Santiago de Compostela.

Tras a morte do fundador, en 1868, farase cargo da empresa o seu administrador José María Martínez Marzo, coa condición de que engadise o Bengoechea ao seu apelido. A partir da súa morte en 1890, a empresa nomearase “Viúva e fillo de José María Martínez Bengoechea”. Deixará por herdeiros ao seu administrador, Bonifacio Torres de la Calle, e aos seus primos Ramón Bustelo González. e Godofredo Álvarez – Cascos González.  A casa de banca extinguiuse en 1933.

No ano 2014 o Arquivo de Galicia adquiriu este arquivo por medio dunha compra á familia Bustelo.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h