Axudas REGA 2024 | Residencias artísticas do Gaiás

Por terceiro ano consecutivo, abrimos a convocatoria das axudas REGA para o desenvolvemento de residencias artísticas na Cidade da Cultura. Poderá solicitar estas axudas calquera persoa interesada en desenvoler un proxecto artístico, vencellado ás artes visuais, escénicas, musicais ou de deseño empregando os espazos, recursos e equipamentos técnicos que a Cidade da Cultura pon ao servizo de creadores e creadoras de dentro e fóra de Galicia.

Serán seleccionados como máximo catro proxectos en réxime de concorrencia competitiva e o tribunal valorará de maneira positiva a ligazón dos proxectos con outras disciplinas non recollidas nas bases, atendendo ao carácter híbrido da cultura contemporánea. Cada un recibirá unha axuda de 8.000€, que inclúe o desenvolvemento, gastos de transporte, estancia, manutención e posibles gastos de presentación pública do resultado da residencia.

As residencias terán unha duración de entre tres semanas e mes e medio máximo, e desenvolveranse entre os meses de setembro e novembro de 2024 nos espazos dispoñibles para este cometido na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. O resultado das mesmas poderá ter unha vertente de investigación, unha dimensión práctica ou mixta, e darase a coñecer de maneira pública no Gaiás. 

Quen pode participar

Poderá participar nesta convocatoria calquera persoa física, estea ou non dada de alta no réxime especial de persoas autónomas, que desenvolva un proxecto artístico, vencellado ás artes visuais, escénicas, musicais ou de deseño. O prazo de solicitude está aberto desde 23 de abril ao 22 de maio de 2024, ambos incluídos.

Cada participante poderá presentar unha única solicitude e non se poderá optar a máis dunha área por solicitude.

Documentación a achegar

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude unha memoria do proxecto na que deberá constar:

  • A) Categoría a que se atopa vencellado o proxecto (artes visuais, escénicas, musicais ou de deseño).
  • B) Nome do proxecto e identificación da persoa física que solicita a axuda.
  • C) Concepto/idea artística incluíndo obxectivos que se pretenden acadar.
  • D) Viabilidade da súa materialización, tanto no resultado práctico como no resultado de investigación, incluíndo orzamento previsto a modo de valoración.
  • E) Xustificación da oportunidade na traxectoria artística da/s persoa/s participante/s.

A extensión máxima desta memoria será de 30 páxinas en formato PDF. Este documento serve de base para a valoración, polo que deberá reflectir claramente o contido do proxecto.

Dotación

Cada axuda está dotada cunha achega de 8.000 euros, suxeito ás retencións que sexan de aplicación. Ademais da dotación en metálico, a Fundación Cidade da Cultura porá a disposición das persoas beneficiarias:

  • Un espazo para desenvolver a residencia.
  • Os recursos humanos propios de seguimento técnico de cada proxecto.
  • Unha persoa mentora especialista en cada tipoloxía que acompañará cada proxecto.

O pago da dotación económica será en dous prazos; o 75% ao inicio do período de residencia e o 25% restante coa presentación da memoria final (que deberá realizarse antes do 26 de novembro de 2024).