Atardecer no Gaiás 2023

Consolidado como un dos eventos musicais a non perder no verán compostelán, o ciclo de concertos ao aire libre de Atardecer no Gaiás programa este ano 18 citas para alongar os solpores de xullo e agosto gozando da mellor música en vivo. O cartel deste ano inclúe populares artistas nacionais, como os rapeiros Juancho Marqués e Bejo, o pop con aires electrónicos de Rocío Saiz e Natalia Lacunza, ou o punk rock de Biznaga. Dulzaro, Paquesvr e Júlia Colom súmanse ao listado de bandas estatais que poderemos escoitar no Gaiás. Desde Francia, San Salvador trae a súa innovadora proposta de polifonía punk e Ben L'Oncle Soul os ritmos do soul máis actual. O novo jazz da trompetista portuguesa Jéssica Pina completa o elenco internacional dos atardeceres.

Ademais, na súa aposta por dar visibilidade ao talento musical galego, o ciclo inclúe sete artistas do país. Entre os galegos hai bandas que xa levan un tempo soando en festivais, como Moura, referente do rock progresivo feito en Galicia que este ano presenta o seu segundo traballo, Axexan, espreitan, e nomes que comezan a despuntar nos escenarios: KYR4, Lontreira, Catuxa Salom, Mariagrep, Madalena Gamalho, así como os artistas novos Faíscas e Xa'lum, premiados no certame Xuventude Crea impulsado pola Xunta de Galicia.

Esta edición de Atardecer no Gaiás conta co apoio de Cervezas Alhambra, dentro da súa aposta pola creación de experiencias musicais únicas pensadas para gozar sen présa e cos cinco sentidos.

ATARDECER NO GAIÁS -  XULLO 2023

Juancho Marqués XOV 6 XULLO | JUANCHO MARQUÉS

Juancho Marqués, o artista de Aranjuez, leva máis dunha década de carreira rompendo as barreiras e estereotipos do Hip Hop español, atrevéndose a explorar outras sonoridades como a electrónica e o pop. O seu estilo inconfundible, de ton cálido e temática sentimental, confirmárono como un referente do panorama da música urbana en España. O seu último traballo Paraíso 39 acaba de ver a luz a en maio deste ano.

Rocío Saiz VEN 7 XULLO | ROCÍO SAIZ

Un desafortunado incidente privounos de gozar de Rocío Saiz no Gaiás, mais a madrileña está de volta con toda a súa enerxía electropop para facernos vibrar por ese percorrido emocional que é Amor Amargo, o seu álbum debut. Un lirismo actual que reborda empatía e transforma o baleiro existencial en ganas de bailar e de abrazarnos. Rocío está tamén a argallar o seu novo álbum, Autoboicot y Descanso, coa colaboración de artistas como Tauro («Déjate llevar») ou Futurachicapop («El hartazgo del mundo»).

Dulzaro XOV 13 XULLO | DULZARO

A fusión de vangarda e tradición caracterizan a Dulzaro. Aliméntase das raíces do folclore de Castela e León, dos seus ritmos e instrumentos (culleres, pandeiretas, pandeiros, botellas de anís), para renovalo cos sons experimentais da electrónica e os sintetizadores, e empregando como eixo principal a poesía e o imaxinario de Federico García Lorca. Un folk electrónico diferente que xa compartiu escenario con Tanxugueiras, Niño de Elche ou Raul Refree e que teremos tamén no Gaiás.

Biznaga VEN 14 XULLO | BIZNAGA

Integrantes dunha xeración de músicos que se formou ao redor do punk, Biznaga érguese como un dos máis firmes candidatos a traspasar as fronteiras sempre difíciles entre este xénero e o gran público. A Biznaga pertence unha nova canción protesta contemporánea que non fai concesións na retórica nin renuncia no melódico para crear auténticos himnos. O seu último traballo, Bremen No Existe (Montgrí, 2022) levou os premios MIN da música independente ao mellor disco de rock e mellor deseño.

Mariagrep XOV 20 XULLO | MARIAGREP

De Santiago a Madrid, Mariagrep cristalizou Si un día, un debut que mesturaba a melancolía bedroom pop cos ritmos urbanos. Seguiulle Detox, un novo EP no que a compostelana leva o seu universo de pop vaporoso a un territorio máis orgánico, tan próximo á indietrónica como ao punk, xunto ao artista e produtor canario CARREÑO. Agora, Mariagrep está de xira e preparando o que será o seu primeiro álbum longo xunto a diferentes produtores da nova xeración do pop estatal.

San Salvador ©Antoine Parouty VEN 21 XULLO | SAN SALVADOR

San Salvador é polifonía salvaxe e punk embarcada na busca do folclore universal arraigado nas profundas tradicións dos trobadores da rexión occitana. Un concerto radical a seis voces, dous tambores, doce mans e unha pandeireta que combina a enerxía e a poesía crúa da música popular co ritmo implacábel e hipnótico da percusión. Confirmados con La Grande Folie, como a gran sensación da música tradi europea, neste 2023 actúan por primeira vez en Galicia, nunha data agardadísima.

Madalena Gamalho XOV 27 XULLO | MADALENA GAMALHO

Unha das voces emerxentes do panorama musical galego. Cantante e compositora con formación clásica e especial conexión co mundo lusófono, comeza no 2015 en bandas como Nota Bene ou Os Meninos e actualmente é integrante da banda jazz folk Laroá. Presenta agora o seu debut en solitario, Invento, con dez cancións e unha proposta clara de conmover e reflexionar sobre a vida e as súas contradicións dende un universo musical ecléctico e atrevido que recibe influencias do pop, rock, funk e world music.

Jéssica Pina VEN 28 XULLO | JÉSSICA PINA

Jéssica Pina leva desde cativa no camiño marcado polo seu instrumento favorito: a trompeta. Un percorrido que a levou a formarse en jazz, a ser convidada por Madonna para unirse á súa xira mundial MADAME X e a lanzarse, no seu regreso, para presentar o EP Vento Novo. Un traballo onde arrisca tanto na composición como nos textos cantados por ela mesma e co que conquistou os escenarios de Portugal e agora tamén o da Cidade da Cultura.

 

ATARDECER NO GAIÁS -  AGOSTO 2023

Catuxa Salom XOV 3 AGOSTO | CATUXA SALOM

Catuxa Salom representa esa xeración que soña con volver ao campo e vivir de maneira tranquila. A artista galega de raíces arxentinas abandonou Madrid por unha aldea de Lugo, onde nace a súa música. Os seus temas son un canto á vida rural, ao ecofeminismo e ás raíces que fusionan o folclore galego con ritmos tribais latinoamericanos baixo unha envoltura electrónica. Un convite a conectar co pasado máis ancestral a través da música e do baile.

KYR4 VEN 4 AGOSTO | KYR4

Elia Galdo, coñecida como KYR4, é unha das grandes promesas do rap español. Motivada polo seu irmán pequeno, a coruñesa comeza en 2021 a compoñer as súas primeiras cancións neste xénero, e alcanza o éxito de público con «Cantándote al oído», tema que dá comezo oficial á súa carreira profesional. Desde entón, compaxina os estudos de produción de audio coa composición e co lanzamento do seu primeiro EP, Ojos Tristes.

Bejo XOV 10 AGOSTO | BEJO

Bejo, o mc canario, evita tópicos e esquiva modas entre rimas barrocas, aliteracións retortas e unha estética desbaratada. Co seu flow vacilón e apostando por Youtube a descarga gratuíta, Bejo ergueu unha pequena torre de sólida base na que vai sumando fans e colaboracións con artistas e produtores como BLASFEM, Macaco ou Ana Mena. El Tobogán é o seu último álbum, feito a catro mans co rapeiro Cráneo.

Lontreira VEN 11 AGOSTO | LONTREIRA

Adriana Cores, Héctor Rodríguez e Iván Barral forman Lontreira, un grupo de música en galego con raíces na Illa de Arousa e con Vigo como berce da súa formación. De gañar a Canción do Verán 2022 con «Corazón de Toxo» a publicar o seu primeiro disco, Apnea en menos dun ano, Lontreira non deixa de dar pasos de xigante. Sons sinestésicos e electrónicos que conxuntan con poesía e todas as influencias musicais que enchoupan as súas composicións, desde o folclore e o metal aos ritmos latinos.

Xuventude Crea XOV 17 AGOSTO | FAÍSCAS E XA'LUM [XUVENTUDE CREA]

En Atardecer no Gaiás teremos ocasión tamén de descubrir novas propostas que parten do talento musical máis novo de Galicia, recoñecido no programa Xuventude Crea na súa modalidade de Música. O dúo Faíscas, formado por Lara Álvarez, de Redondela, e o vigués Brais Fernández, e o proxecto Xa'lum, da solista coruñesa Iria Vilas, gañadores do primeiro e segundo premio do certame, respectivamente, subirán ao escenario este ano no Gaiás.

Parquesvr VEN 18 AGOSTO | PARQUESVR

Parquesvr é un combo madrileño de rock, con letras a medio camiño entre o teatro do absurdo, o nihilismo e a reflexión xeracional. Integrado por músicos militantes do circuíto rockeiro desde hai case 15 anos, Parquesvr conseguiu situarse nun espazo intermedio entre a escena alternativa e a performance, con éxitos virais como «Lance Armstrong» ou o after-reggaetón «Pero» e sen medo a explorar territorios como o synth-pop, o hip-hop barrionalista ou o post-punk, entre outras cores. 

Júlia Colom XOV 24 AGOSTO | JÚLIA COLOM

Júlia Colom descubriu o seu amor pola voz e a música tradicional con «El Cant de la Sibil·la», un canto ancestral de Mallorca que lle ensinou o seu avó cando tiña só sete anos. A influencia das "tonadas" mallorquinas é indisoluble da súa personalidade compositora, como podemos apreciar en Miramar, un disco debut no que combina creacións propias e outras de orixe popular nunha celebración da transmisión oral e das múltiples vidas que poden vivir os cantos.

 Moura ©Leo López Foto VEN 25 AGOSTO | MOURA

MOURA é unha das bandas de rock máis interesantes do panorama estatal. Do seu paso por festivais como o Resurrection Fest, Monkey Week, Sound Isidro ou o Sonic Blast ao recoñecemento nos X Premios Martín Codax da Música, o grupo coruñés segue a explorar a tradición galega desde unha sonoridade que transita pola neo-psicodelica e o rock progresivo. O seu segundo álbum, Axexan, espreitan, é un mapa do patrimonio inmaterial galego feito a base de lembranzas persoais, ritos e a presenza de espíritos dos que xa non están.

Ben l'Oncle Soul MÉR 30 AGOSTO | BEN L'ONCLE SOUL

Trece anos despois de que a súa carreira tomase impulso con forza, o músico e compositor francés Ben l'Oncle Soul é agora libre para seguir o seu camiño nun selo propio, revelando a súa particular maneira de combinar o encanto deo R&B vangardista coas raíces do soul espiritual. Coa súa actuación pecharemos en agosto o ciclo de concertos de Atardecer no Gaiás, cunha actuación moi especial na que Ben defenderá os temas de Is it you?o seu novo álbum.

Natalia Lacunza XOV 31 AGOSTO | NATALIA LACUNZA

Natalia Lacunza chega ao Gaiás confirmada como unha das estrelas do pop español actual. A navarra, que medrou da man de Operación Triunfo e sobrepasou amplamente as expectativas do concurso de talentos, presenta unha proposta de sofisticado pop electrónico que foi enriquecendo ao longo dos anos a través de colaboracións con algúns do nomes máis interesantes da nova escena musical independente española.