Alfonso Espiño DJ + Eight days a week

Atardecer no Gaiás celebra a súa primeira noite de cine ao aire libre cunha homenaxe a The Beatles polos cincuenta anos da publicación do Sgt. Pepper's.

O Atardecer no Gaiás contará coa proxección de Eight Days a Week, a cinta dirixida por Ron Howard co permiso de todos os membros da banda e das súas familias. Eight Days a Week repasa a historia de The Beatles e a relación entre os catro mozos que revolucionaron a historia da música con imaxes inéditas dos seus primeiros anos e concertos.

E antes deles, contaremos cunha introducción musical de luxo: unha pinchada a cargo de Alfonso Espiño (Santiago, 1976). Alfonso é un músico vencellado a diferentes conxuntos da cidade do Apóstolo dende principios dos anos 90. Militou nas filas de Contrastes, Mega Purple Sex Toy Kit, Linces Pop e Los Chavales, e actualmente voa en solitario baixo o nome de Espiño. Tamén é coleccionista de discos e DJ, e pasou moitos anos curtíndose na cabina do lendario pub compostelán A Reixa. Irredento fan dos Beatles, achegará ó Gaiás unha mestura de clásicos da banda de Liverpool, así coma rarezas e cancións cedidas por Lennon e McCartney a outros artistas, amén de outros temas nos que se recoñece a pegada do álbum Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band a través dos tempos, neste seu cincuentenario.