150 anos de Cantares Gallegos

Con motivo dos 150 anos da primeira edición de Cantares Gallegos, obra co que Rosalía de Castro iniciaba o rexurdir da lingua e da literatura galegas no século XIX, a Biblioteca de Galicia promove esta mostra bibliográfica coa que se propón un percorrido pola evolución do poemario, desde a publicación primeira en 1863 ata os novos días a través das edicións posteriores, traducións, propostas críticas, adaptacións infantís e versións musicais, que permiten mergullarse nos seus versos e nas circunstancias que os rodearon nestes 150 anos de existencia.

A publicación de Cantares Gallegos o 17 de maio de 1863 é un importante referente no comezo dun novo tempo para a literatura galega. Este libro de poemas nacidos da tradición popular, o primeiro publicado integramente en galego, alentou un camiño de creación e edición de textos en galego fundamental para o proceso de recuperación cultural de Galicia. Desde o centenario da súa publicación, en 1963, por iniciativa da Real Academia Galega, Galicia festexa o Día das Letras Galegas. 

Cos seus versos Rosalía logrou crear unha voz propia capaz de prender na sociedade galega como ningún outro autor, sen perder interese nin identificación ao longo do tempo. Os seus poemas, traducidos a multitude de linguas e recoñecidos pola crítica internacional, consolidáronse como obras clásicas da nosa literatura e un punto de encontro para afondar no coñecemento da realidade social e da natureza humana.

 
Exposicións
 
Desde o 8 de Abril
De 8 a 20
Balnearia Bibliográfica
2 Xuñ 2017 - 7 Xan 2018
De 10 a 20
Flor Novoneyra
11 de Out - 10 de Dec 2017
18.30 horas
27 Abr - 2 Set 2018
De 10 a 20 horas