Bota a andar Womex 2016

Santiago de Compostela, 12 de Febreiro de 2016

Esta semana abriuse a convocatoria internacional que dá o pistoletazo de saída ao WOMEX 16 que se celebrará na Cidade da Cultura e en Santiago de Compostela do 19 ao 23 de outubro deste ano. Até o 15 de abril, artistas de todo o mundo poderán presentar as súas propostas musicais, que serán avaliadas por un xurado composto por sete expertos de todo o planeta. Ademais de grupos musicais, tamén está aberta a convocatoria para expertos en ‘world music’ para que presenten propostas de conferencias; cineastas con filmes relacionados coa música; e DJs para participar no DJ Summit.

WOMEX é a maior feira mundial do sector das músicas do mundo, que inclúe unha feira profesional e uns 60 concertos (a maioría deles abertos ao público), ademais de relatorios e proxeccións de filmes, entre outras actividades. A edición de 2014 en Santiago de Compostela acadou un récord de stands e un crecemento da asistencia. Os datos oficiais desa edición confirman o éxito: 2.400 delegados/as (+6,66% que a anterior edición) e 1.470 empresas (+16,66%) de 90 países e unha feira con 668 exhibidores de 47 países e un récord de 280 stands (+12%). A isto hai que engadirlle o protagonismo da música galega, coa participación de seis artistas galegos e 21 empresas participantes dentro do stand Galician Tunes, así como os retornos en termos de imaxe de marca para a cidade e para Galicia, e o impacto económico da feira. O 90% do orzamento foi investido en empresas locais (alugueiro, soldos, escenarios, catering, etc.), con máis de 400 postos de traballo creados (250 directos e 150 indirectos). Nordesía Produccións (local partner)

Nas últimas edicións a media do impacto positivo no PIB do territorio no que se celebrou foi de 2,5 millóns de euros, con efectos directos e indirectos no emprego en varios sectores, tanto antes, como durante e despois do evento. Así mesmo, hai que salientar o impacto de imaxe na cidade, con 2.400 delegados e 350 músicos provintes de 90 países, 200 xornalistas e a presenza de emisoras de radio internacionais que emitiron programas para toda Europa.

Edición 2016

WOMEX 16 volverá encher Compostela de música durante cinco días nos seguintes espazos:

  • WOMEX Day: feira profesional no recinto do Museo Centro Gaiás, conferencias,networking...
  • WOMEX Night: a maioría dos showcases celebraranse durante tres noites en diferentes recintos e prazas da Cidade Vella de Compostela: Praza da Quintana, Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio NovaGalicia Banco e Sala Capitol (DJ Summit).

WOMEX leva celebradas 21 edicións por toda Europa (en cidades como Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Budapest) e celebrará a súa vixésimo segunda edición en Santiago de Compostela. WOMEX está organizado pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín (Alemaña), que tamén é responsable doutros eventos como Classical: NEXT (Viena), Porto Musical (Recife, Brasil) ou Atlantic Music Expo (AME), en Cabo Verde. Como socio local forma parte da organización Nordesía Produccións. Fundada en 1996, esta produtora foi un dos axentes máis importantes da "world music" en Galicia e na Península. Como entidades patrocinadoras figuran o Concello de Santiago a través de INCOLSA e a Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura e AGADIC.

Grande oportunidade

WOMEX 16 será un dos eventos culturais máis importantes en Galicia dos últimos anos. Con el chega una nova grande oportunidade para a música galega, pero tamén para a proxección internacional da nosa cultura e para o posicionamento de Santiago e de Galicia no mundo.

Ademais do feito de que WOMEX 14 foi a edición con máis asistencia de delegados do últimos cinco anos, cumpríronse os obxectivos estratéxicos que se marcaron desde a organización. Confirmouse WOMEX como unha ferramenta de transformación tanto para a cidade como para o sector musical galego e a forza de Compostela -e da propia Cidade da Cultura- como un escenario e punto de encontro internacional. Alén disto, a presenza de artistas galegos en WOMEX (e no Focus Galicia) colleitou un importante éxito que se traduciu en xiras internacionais para moitos deles.