Volve ao Gaiás Pequefilmes, o festival infantil de curtas!

Santiago de Compostela, 29 de Novembro de 2017

A Cidade da Cultura de Galicia volverá celebrar a fin de semana do 20 e 21 de xaneiro de 2018 o festival infantil de curtas PequeFilmes, tras o éxito da anterior edición na que participaron 1.500 rapaces e rapazas. O Museo Centro Gaiás proxectará unha escolma de traballos —seleccionados coa colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe  da Agadic— moitos deles premiados en festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo (Annecy, Chicago ICFF, Animamundi, Animafest, Dresdner Kinderfilfest...).

A programación de PequeFilmes recolle, deste xeito, o máis destacado da produción internacional actual dedicada a esta audiencia, ademais de que se converte nunha oportunidade única para que os máis novos da casa vexan pezas audiovisuais de gran calidade que, en moitas ocasións, quedan fóra do seu alcance polos circuítos convencionais.

Do mesmo xeito, ao igual que na edición anterior, tamén se levarán a cabo unha serie de obradoiros formativos cos que os cativos descubrirán de primeira man o funcionamento do cinema de animación.

Tamén haberá novidades nesta edición. Así, en PequeFilmes 2018 ás seccións Miñocas (dirixida a rapaces de entre 4 e 8 anos de idade) e Fanecas (de entre 9 e 13) engádeselle como nova categoría fóra de concurso, Vagalumes, orientada ao público máis cativo, de entre 0 e 3 anos. 

Complétase, desta forma, unha oferta integral, que abarca todas as etapas da infancia, á vez que cada grupo de público terá unha proposta axeitada a súa idade, intereses e gustos. As curtas seleccionadas ofrecen unha pluralidade de temas, puntos de vista e historias, incidindo en numerosos aspectos sociais e éticos sen perder de vista nunca o divertimento.

Premios do público

Tras o visionado das curtas, o público poderá, valorar o filme, coa intencionalidade de que, ao final do festival, se concedan premios —grazas á colaboración da Agadic— ás curtas que máis gustaron. Deste xeito, terase en conta a súa ollada crítica para outorgarlles os dous premios (Miñocas e Fanecas) aos mellores traballos exhibidos. Con esta participación, ‘PequeFilmes’ ofrécelles aos cativos vivir a experiencia —e seguro que por primeira vez para moitos— de que o seu criterio sexa valorado, á vez que se fomenta neles unha ollada crítica e curiosa, semente de futuros cinéfilos.

Obradoiros

Xunto ás proxeccións, ‘Pequefilmes’ ofrecerá tamén nesta edición diversos obradoiros nos que pesa por igual a súa vertente formativa como a de experiencia familiar. Neles, os cativos poderán descubrir o funcionamento do cinema dunha forma lúdica e práctica ao mesmo tempo.

Nestas actividades, todos os membros da familia compartirán a aprendizaxe de técnicas e conceptos fundamentais no proceso da creación cinematográfica e da animación. Uns coñecementos que poderán seguir desenvolvendo posteriormente nos seus fogares para divertirse creando xuntos pequenas películas en familia.