Seleccionados os 40 creadores emerxentes que participarán no #EAN8

Participantes no EAN 2017
Santiago de Compostela, 20 de Xullo de 2018

A Cidade da Cultura deu a coñecer hoxe os nomes dos 40 creadores e creadoras emerxentes que foron seleccionados para participar no seu VIII Encontro de Artistas Novos #EAN8. Nesta residencia artística no Gaiás –que terá lugar entre o 26 e o 30 de agosto– poderán dar a coñecer o seu proxecto creativo, así como intercambiar experiencias profesionais con outros artistas emerxentes e consolidados, comisarios ou prensa especializada.

O equipo do #EAN8, dirixido por Rafael Doctor, destacou a multiculturalidade e gran calidade dos proxectos presentados nesta oitava edición, á que se presentaron case 200 candidatos de 11 nacionalidades diferentes. O listado de seleccionados pode consultarse xa no web cidadedacultura.gal e, tal e como se indica nas bases, as persoas candidatas terán ata o 26 de xullo para confirmar a súa praza.

Impulsado pola Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, e coa colaboración da Fundación Banco Sabadell, o EAN promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento consolidándose como un dos principais foros de apoio a artistas emerxentes. Nas pasadas sete edicións presentaron os seus traballos no EAN arredor de medio milleiro de creadores, entre eles recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell, que naquel momento comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

Foro de creación contemporánea

O programa do VIII Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura inclúe o xa clásico Foro Aberto, onde os corenta participantes realizarán unha presentación centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

Todos eles van ter ademais a oportunidade de entrar en contacto con outras traxectorias e procesos creativos a través de conferencias impartidas por artistas consolidados. Nesta edición contarase coa experiencia de Julio Falagán, cuxo traballo artístico trata con humor e ironía temas como o desafío ao poder e ao establecido; a pintora e artista conceptual peruana Sandra Gamarra –fundadora do Museo de Arte Contemporáneo de Lima (Limac)–; ou a fotógrafa galega, a cabalo entre a arte e o documental, María Moldes. Súmanse así á longa lista de artistas que participaron no EAN como relatores, e que inclúe nomes da relevancia de Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro ou Fernando Sánchez Castillo.

Os participantes convivirán tamén con tres observadores ou art followers que, desde o eido curatorial ou do xornalismo cultural, apoian os novos creadores e seguen de preto as novas tendencias da arte emerxente. Serán Javier Díaz-Guardiola, David Barro e Semíramis González que, como novidade desta edición, intervirán nunha mesa redonda na terceira xornada do Encontro.

Co obxectivo de que este intercambio artístico se produza en todas as súas vertentes, o #EAN8 inclúe tamén visitas a centros de arte como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Fundación Granell e o DIDAC en Santiago de Compostela, e o Museo de Arte Contemporánea (MAC) na Coruña.

Nova intervención artística nas Hejduk

A maiores, a Cidade da Cultura abre a posibilidade de que un ou varios dos participantes sexan elixidos para realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo. Con esta iniciativa, o Gaiás busca apostar polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional para que poidan darlle renda solta á súa creatividade.

O VIII Encontro de Artistas Novos finalizará precisamente coa inauguración da intervención artística gañadora da anterior edición: AAMA, Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica, co que o granadino Francisco Ramallo converterá as Torres Hejduk nunha ferramenta para loitar contra o esquecemento da arquitectura galega desaparecida, recollendo relatos sonoros sobre diferentes edificios xa desaparecidos e abrindo un espazo para a investigación e a reflexión.

 
Participantes no EAN 2017 (Foto: Manuel G. Vicente)
Intervención artística gañadora do EAN 2016 (Foto: Manuel G. Vicente)
Participantes no EAN 2016 (Foto: Manuel G. Vicente)