Fredy Solano fai emerxer 'a torre non existente' entre as Hejduk

Santiago de Compostela, 31 de Agosto de 2017

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou esta mañá a necesidade de promover a creación contemporánea e de abrir espazos para a experimentación artística e o fíxoo na inauguración de ‘A través dun horizonte sen corpo’, o proxecto de Fredy Solano (El Salvador, 1992) que resultou gañador o ano pasado no Certame de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocatoria á que se poden presentar os participantes no Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura’.

Fredy Solano, artista procedente de El Salvador e residente en Vigo, fai emerxer nesta intervención a terceira torre, a que se debuxa no baleiro entre as dúas construídas. Para iso, instala unha tea de fío de rede de 150 metros cadrados e 25 metros de alto, elaborada baixo os parámetros matemáticos da proporción áurea. O material desta rede está coloreado con tinguiduras case imperceptibles co fin de que a súa percepción varíe en función das horas do día e das condicións meteorolóxicas.

Anxo Lorenzo destacou que as Torres Hejduk se están a consolidar como un espazo expositivo non convencional e lembrou que xa teñen acollido propostas de artistas como Pamen Pereira, Alejandra Sampedro, Ana Soler, Félix Fernández, Carlos Delgado Mayordomo, Sonia Navarro Peralta, Miguel Benjumea, Román Corbato ou Irma Álvarez-Laviada.

Aínda que comezou como artista do graffiti no ano 2006, Fredy Solano dedícase actualmente á produción de instalacións site specific e accións en espazos públicos. Con este traballo, busca unha intervención atmosférica, integrada na contorna e que “semelle que está e non está”.

Conexión co EAN

A conexión das Torres Hejduk coa creación contemporánea ten un dos seus eixes principais no Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura de Galicia’, xa que, en cada edición os participantes son convidados a presentar un proxecto para intervir neste espazo. Precisamente, a inauguración de ‘A través dun horizonte sen corpo’ coincidiu co final do EAN_VII, no que participaron 40 artistas procedentes de Galicia, outros puntos de España e de América Latina, grazas ás bolsas ofrecidas polo Goberno de Arxentina. Tamén a Deputación da Coruña colaborou con esta sétima edición.

O secretario xeral de Cultura subliñou que os EAN se consolidaron como unha plataforma para dar a coñecer os traballos das novas xeracións de artistas e expresou os seus parabéns ao equipo da Cidade da Cultura e ao director dos Encontros, Rafael Doctor, polo seu traballo para facer da Cidade da Cultura un espazo de intercambio de ideas e de xeración de proxectos en común.

Foto: Adrián Álvarez

 
Foto: Adrián Álvarez