Visitas educativas | Galicia Universal. A arte galega nas coleccións ABANCA e Afundación

A mostra Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación oferta un excepcional percorrido por todos os grandes nomes da plástica galega dende o século XIX ata o presente, poñendo á disposición da comunidade educativa unha ampla escolma das mellores coleccións. Dende a identidade ata a universalidade, o percorrido por case duascentas pezas viaxa polos persoais universos creativos dos maiores artistas do país: a mostra reúne, entre moitos outros, obras de Francisco Llorens, Ovidio Murguía, Maruja Mallo, Asorey, Castelao, Maside, Laxeiro, Luís Seoane, Julia Minguillón, Jorge Perianes, Francisco Leiro, Jorge Barbi ou Pamen Pereira.

Para os grupos escolares, supón unha oportunidade única para mergullarse nos dous últimos séculos da arte galega, estando representados os grandes artistas, todas as correntes e estilos. A exposición está recomendada para todos os niveis educativos.

OBXECTIVOS

  •  Coñecer as principais correntes e artistas da plástica contemporánea galega.
  • Comprender a expresión artística coma unha linguaxe que permite a comunicación de ideas e sentimentos.
  •  Reflexionar de xeito crítico sobre o papel da arte nas nosas vidas.
  • Valorar o papel da arte na sociedade.
  • Analizar o valor da creación artística na construción da identidade cultural.
  • Incentivar a capacidade dos/das estudantes para expresarse coa arte.

NIVEIS EDUCATIVOS

O programa de visitas, adaptadas a todos os niveis educativos, fai posible a inmersión do estudantado na creación artística, coñecendo as diferentes opcións estilísticas da expresión plástica contemporánea.

A continuación, detállanse as principais capacidades que os grupos dos diferentes niveis educativos traballarán na visita educativa á exposición Galicia Universal. 

Educación infantil

  •           Establecer os primeiros contactos coa linguaxe artística como forma de expresión.
  •           Desenvolver habilidades comunicativas e de observación.
  •           Observar e explorar o seu medio social inmediato.
  •           Ensaiar pautas básicas de convivencia e relación social.
  •         Ampliar a súa autonomía nun contorno pouco habitual como é o Museo.

 

Educación primaria

  •          Coñecer e empregar diferentes medios de expresión artística.
  •           Coñecer o seu medio físico, social e cultural a través da representación artística.
  •           Empregar a lingua como medio de comunicación de emocións e ideas a través da experiencia estética.
  •           Adquirir habilidades de desenvolvemento individual e social nun contorno infrecuente.
  •       Ensaiar o respecto e cumprimento de normas básicas de convivencia social e das normas específicas do Museo.

Educación secundaria

  •  Apreciar a creación artística e comprender a linguaxe das distintas manifestacións artísticas como medio de expresión e representación.
  • Achegarse á historia da arte galega como canle de coñecemento da cultura e a identidade de Galicia.
  • Coñecer, valorar e respectar os aspectos básicos da cultura e a historia propias e alleas, así como o patrimonio artístico e cultural.
  • Desenvolver o sentido crítico e a participación, a través da expresión da propia opinión como medio de desenvolvemento persoal. Comprender e expresar con corrección mensaxes complexas.
  • Ampliar a súa capacidade de análise visual como canle de coñecemento.
  • Profundar na experiencia estética como canle de expresión.

 

Bacharelato

  • Profundar no coñecemento da historia e a arte de Galicia.
  • Desenvolver a sensibilidade artística.
  •  Comprender o valor da arte na construción da identidade cultural.
  •  Consolidar a madurez persoal e social a través do pensamento crítico.
  •  Coñecer e valorar criticamente as realidades do mundo contemporáneo.
  •  Achegarse de xeito responsable ao patrimonio artístico e cultural.
  •  Expresar con fluidez e corrección as ideas propias de xeito autónomo.

 En función da dispoñibilidade de datas, o equipo educativo da Cidade da Cultura oferta a posibilidade de axustar contidos de visita personalizados para grupos con intereses específicos (ensino profesional, universitario, grupos de adultos...).

 METODOLOXÍA

As actividades educativas consisten nunha visita comentada, cun percorrido discursivo deseñado expresamente para os diferentes niveis educativos, a través do cal coñecer a mostra e os seus contidos. Durante a visita estimularase a participación activa dos estudantes e o achegamento á creación artística a través de actividades adaptadas inseridas na visita.

A actividade ten unha duración recomendada de 75 minutos. Por debaixo desta duración o persoal educativo non pode garantir o desenvolvemento completo da actividade.

Ofértaselles aos docentes a posibilidade de efectuar unha visita previa á mostra para unha mellor preparación da actividade. Sempre que sexa posible, recoméndase esta visita previa co persoal educativo da Cidade da Cultura como procedemento óptimo para a preparación e desenvolvemento das actividades.

No correo de solicitude de visita deberá indicarse:

  • Data da visita
  • Horario
  • Centro e nivel educativo
  • Número de estudantes e docentes que os acompañen
  • Persoa responsable do grupo e móbil de contacto
  • Observacións ou necesidades especiais
  •  As quendas de visita serán asignadas segundo dispoñibilidade e por estrita orde de recepción da solicitude. Remitiráselle ao centro unha confirmación da visita.

As reservas deben facerse sempre por escrito a través do correo antes indicado, con independencia de calquera outra comunicación verbal ou telefónica.

Para máis información: 881 997 570/881 997 584

 

 
Aula Gaiás