A Cidade da Cultura organiza unha xornada que abordará a transcendencia do fotógrafo José Suárez na fotografía do século XX.
Juan Manuel Bonet, un dos nomes máis sólidos da crítica artística en España, xunto a Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón, referencias na investigación da fotografía galega e comisarios da mostra, analizarán a obra de Suárez e revisarán unha biografía na que se atopan moitas claves do seu traballo. Alfonso Penela, representante da arquitectura galega máis contemporánea, explicará nun percorrido pola exposición José Suárez. Uns ollos vivos que pensan unha montaxe que consegue potenciar a expresividade do branco e negro das fotografías.
A conexión coa intelectualidade da España republicana e do exilio, a relación estética coas vangardas europeas, a capacidade para capturar a dignidade do ser humano, o seu cosmopolita periplo vital, o seu compromiso ético e o seu inexplicable olvido serán algúns dos eixes en torno aos que se intentará analizar a vida e a obra de José Suárez.
Programa:
16:30-17:00 | Percorrido pola montaxe co arquitecto Alfonso Penela. Deseño do espazo expositivo
17:00-17:30 | Xosé Luis Suárez Canal: José Suárez: Unha vida
17:30- 18:00 | Manuel Sendón: A fotografía de José Suárez
18:00-18:30 | Pausa café
18:30-19:00 | Juan Manuel Bonet: José Suárez, un ollo moderno e errante.
19:00-19:30 | Ronda de preguntas e debate con todos os participantes






