Nexos: A renovación da música portuguesa

No ano 2011 o fado foi declarado Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola UNESCO. Un xusto recoñecemento a unha creación cultural marabillosa que soubo actualizarse até hoxe. Claro que o fado non esgota o repertorio das músicas portuguesas. Nos anos 60 e 70 do pasado século xurde a “nova canção portuguesa” da man do Zeca Afonso, Carlos Paredes ou Fausto, combinando maxistralmente a canción de Coimbra, o cancioneiro popular portugués e o folk estranxeiro. Nas seguintes décadas, conforme Portugal se abre ao mundo e a música popular portuguesa se mestura con novas sonoridades, tamén os seus artistas irán gañando eco na esfera internacional. Poderíanse citar multitude de exemplos, da world music á música africana, do pop-rock ao jazz, pero quizás fose Madredeus o meirande estandarte musical do país, con xiras en 41 países e máis de 5 millóns de discos vendidos. Ao longo desta sesión realizaremos un percurso pola evolución do vizoso panorama musical do país irmán.

12:00 | Entrevista: Teresa Salgueiro. Cantante e compositora, foi a vocalista de Madredeus durante vinte anos (de 1987 a 2007), gravando 11 discos nesa etapa. Na súa posterior carreira en solitario editou os discos “Obrigado” (2006, xunto a José Carreras, Caetano Veloso, Angelo Branduardi ou Carlos Núñez), “Você e eu” (2007, co Septeto João Cristal), “La Serena” (2007, con Lusitânia Ensemble), “Matriz” (2009, con Lusitânia Ensemble), “O Mistério” (2012, xa coa súa propia banda), “La golondrina y el horizonte” (2015) e “O Horizonte” (2016). En 1995 foi nomeada Oficial da Ordem do Infante Dom Henrique.

13:00 | Actuación musical de Teresa Salgueiro.

 
Letras & Pensamento