Coñecer a nosa contorna máis próxima, o espazo que habitamos e transformamos, é imprescindible para saber quen somos e quen queremos ser cando medremos.
Nesta sesión de NEXOS INFANTIL faremos unha viaxe virtual por Galicia para coñecer os valores patrimoniais e naturais máis senlleiros, dende a catedral de Santiago, pasando pola muralla de Lugo, a Torre de Hércules ou a ponte romana de Ourense, ata as Rías e Parques Naturais, achegándonos ás épocas da súa construción no caso dos monumentos.
Despois, de xeito individual ou en grupos de ata tres persoas, cada quen escollerá o seu elemento preferido para realizar unha persoal recreación plástica do mesmo, ben debuxada, ben en maqueta a partir de materiais reutilizados (caixas de cartón, botellas de plástico, bricks, etc), que logo colocaremos en exposición no noso particular mapa simbólico de Galicia.

