Nexos convida a... Nélida Piñón

Nexos convida...  volve neste 2016 para conversar con figuras de recoñecido prestixio das letras, as artes e o pensamento. O martes 4 de outubro teremos o pracer de establecer un diálogo íntimo e directo con Nélida Piñón, Premio Príncipe de Asturias 2005. Da man da profesora de Literatura Galega, Dolores Vilavedra, Nélida Piñón fará na Sala Eisenman un repaso pola súa traxectoria literaria e vital. 

Nélida Piñón (Vila de Isabel -Río de Janeiro-, 1937) é unha das grandes figuras das letras hispanoamericanas. Primeira pluma en lingua portuguesa en recibir o Premio Príncipe de Asturias, Nélida Piñón convertiuse na primeira muller en ocupar a presidencia da Academia Brasileira de Letras en 1996. Os seus fortes vínculos con Galicia leváronna a ingresar no 2014 na Real Academia Galega como membro de honra e embaixadora de Galicia no mundo das letras. Así mesmo, foi distinguida como doutora honoris causa por diversas universidades -entre elas a USC en 1998- e a súa traxectoria literaria foi recoñecida con importantes premios literarios, como Pen Club, en 1985; ou o Juan Rulfo, considerado como o Nobel hispanoamericano.

A escritora brasileira conta con máis de 25 libros publicados e as súas obras foron traducidas en máis de 30 países. O seu début como novelista foi en 1961 coa obra Guía-mapa de Gabriel Arcanjo, e posteriormente publicou obras como Madeira feita cruz, Fundador, A casa da paixão, Sala de armas, A doce canção de caetana, O pão de cada día, Até amanhã, outra vez; A república dos sonhos, Vozes do deserto, Aprendiz de Homero e Coração andarilho.

Dolores Vilavedra (Vigo, 1963)  é investigadora e profesora de Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela. Coordinadora do Diccionario da literatura galega en 4 tomos publicado por Galaxia, Vilavedra forma parte do consello de redacción da revista Grial, onde dirixe a sección de crítica literaria. Autora de varios ensaios e antoloxías, Dolores Vilavedra encargouse tamén da traducción de grandes escritores como Lobo Antunes, Amélie Nothomb, Manuel Rivas ou Suso de Toro.

 

 
Letras & Pensamento
 
25 — 29 Ago 2024
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 24 MAI
Ata 19 Mar 2024
Convocatoria pechada