Nexos 2017

Vivimos en sociedades complexas, plurais e en constante cambio. A cultura contemporánea é a cada paso máis mestiza. Para descifrar as claves e tendencias de hoxe precisamos dunha visión panorámica que supere as vellas fronteiras do coñecemento, conxugando a un tempo os enfoques científico e humanístico.

O ciclo de cultura contemporánea Nexos regresa en xaneiro do 2017 da man de Marcos Lorenzo, combinando relatorios a cargo de destacados expertos con actuacións artísticas sorprendentes. E sempre desde un formato didáctico, ameno e distendido. 

Nesta quinta edición teremos unha novidade moi especial. Contaremos cun artista residente, o pianista Pablo Seoane, quen deseñará o apartado artístico de todas as sesións, e o interpretará acompañado por outro artista convidado. Polo tanto, todos os espectáculos serán estreas absolutas, creadas en exclusiva para Nexos

Ao longo do semestre visitaremos o aforismo como fórmula ancestral de transmisión de saberes; indagaremos no futuro de Europa como proxecto político; repasaremos os principais fitos biográficos e pictóricos de Maruja Mallo; e coñeceremos os alicerces fundacionais da admirable Escola de Arquitectura do Porto, así como o seu legado e repercusión actual.

Catro sesións a celebrar na Biblioteca de Galicia e que rematarán cun convite a un viño e un petisco cortesía de Pan do Mar, de Conservas Pérez Lafuente, e Bodegas Martín Códax. Porque diso se trata, de ofrecer un aperitivo cultural para as mañás dos sábados.

 
Letras & Pensamento
 
Do 27 de Xaneiro ao 16 de Xuño de 2018
De 12 a 14 horas