Letras Galegas 2016

A Cidade da Cultura celebra o Día das Letras Galegas rendéndolle homenaxe a Manuel María. Será a través dun espectáculo multimedia que inclúe versos, vídeo-creación e música en directo. 

A Cidade da Cultura convida á cidadanía a participar nun recital colectivo no que ademais de poñerlle voz aos poemas preferidos de Manuel María, poderemos gozar en directo coas improvisacións sonoras de Koroiev (Roberto Casteleiro) e as videocreacións de DSK (Juan Lesta e Belén Montero). As persoas que desexen participar recitando deberán inscribirse previamente aquí. Pola súa banda, a entrada será libre para todos aqueles que prefiran asistir unicamente como público.

Previamente, a Cidade da Cultura acollerá un Obradoiro de poesía e rap a cargo de Für alle Falle (Iñaki López e Vanesa Castro) para rapaces a partir de 8 anos no que, partindo dos versos de Manuel María, realizarán as súas propias creacións. O resultado será parte do recital colectivo co que homenaxear ao gran poeta lucense. A entrada é de balde mais é preciso inscribirse previamente.

A mañá concluirá cun aperitivo literario no que os participantes en ambas as dúas actividades, así como o público asistente, poderán degustar zumes feitos a base de froitos do Courel da firma Caurelor, un bo vermú galego da man de Petroni e olivas de Eidos de Iria.