inquEDU 2018: Falemos de educación

inquEDU. Falemos de educación pretende ser un evento para compartir inquedanzas, divulgar ideas e fomentar o debate e a reflexión sobre a educación. O encontro, que se enmarca na programación desenvolvida polo Centro de Emprendemento do Gaiás, terá lugar os vindeiros 25 e 26 de maio e está dirixido a toda a comunidade educativa, tanto estudantes, como mestres e familias.

A cita estrutúrase en dúas partes, cunha primeira xornada máis enfocada á asistencia de rapaces e rapazas en idade escolar, e outra segunda dirixida a todo tipo de público, nomeadamente educadores e nais e pais. Todos os contidos son de acceso libre e de balde, previa inscrición en www.inquedu.org.

Programa do venres 25

O programa arrancará cunha charla de Sandra Touza, emprendedora especializada no sector turístico e unha das participantes no proxecto  Edumotiva, dirixido a ofrecer aos centros de ensino non universitario experiencias de persoeiros de recoñecido prestixio. Pechará a mañá outra charla do proxecto Edumotiva.

Ao longo da mañá tamén subirán ao escenario do Museo Centro Gaiás os escolares gañadores do concurso ComunicaTedu e poderase gozar do espectáculo Sira e o Robot, unha ópera pop futurista que irmanda galego e inglés, da man de Mark Wiersma e Miguel Mosqueira. A condución da xornada correrá a cargo do actor, cantante e animador sociocultural Luís Vallecillo.

inquEDU 2018: Falemos de educación

Programa do sábado 26

Xa na tarde do sábado, máis enfocada a público adulto, compartiranse novos enfoques, ideas frescas e iniciativas innovadoras que se están a desenvolver en centros escolares de Galicia, así como novas tendencias en innovación educativa a nivel internacional, con charlas de Laura Lorenzo, María Acaso, Ramón Bermejo e Sandra González.

Por outra banda, no espectáculo Aprender por arte de maxia, Carlos Pastor e Chema de la Torre amosarán, desde a súa experiencia como enxeñeiros, magos e docentes, como adaptar recursos e ferramentas empregadas nos shows de maxia para mellorar a experiencia nas aulas, tanto a nivel emocional como curricular.

Por último, baixo o epígrafe ‘Entrevista con...’o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compartirá cos asistentes a súa experiencia e visión sobre innovación educativa e educación innovadora, como docente e tamén como pai de familia. A entrevista estará conducida polo comunicador, showman e director teatral Vicente Mohedano, que será tamén o encargado de pechar cun “discurshow didáctico” este inquEDU. Falemos de educación 2018.